A Agadic colabora con Estudios Mans nunha nova ediciˇn do concurso Sonidos Mans para bandas emerxentes

  O prazo de inscrición manterase aberto ata o 27 de abril a través da web www.sonidosmans.com

A Agadic colabora con Estudios Mans nunha nova ediciˇn do concurso Sonidos Mans para bandas emerxentes
[26/03/2020]
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), volve colaborar con Estudios Mans, da Fundación Paideia Galiza, no seu concurso Sonidos Mans para bandas emerxentes españolas que non teñan editado nin distribuído traballos de xeito comercial. Os grupos interesados en participar teñen de prazo ata o 27 de abril para presentar un tema orixinal a través da web www.sonidosmans.com.

Esta nova edición do concurso, marcada pola crise do Covid-19, está acompañada polo lema #QuédateEnCasa con Sonidos Mans e modifica as súas bases para garantir o premio para os oito grupos gañadores deste ano.

De entre todos os traballos achegados, un xurado integrado por recoñecidos profesionais do sector será o encargado de seleccionar 50 composicións, de xeito que os 10 temas mellor puntuados entrarán directamente na fase final e os 40 restantes pasarán á de votación popular. A listaxe dos 50 proxectos seleccionados será publicada o 4 de maio de 2020 na web do concurso.

Nesta edición e tendo en conta a situación de excepcionalidade por mor do COVID-19, a organización do concurso quere asegurar oito premios do xeito que segue: seleccionaranse oito bandas para tocar nos festivais que se adhiran á plataforma e, no caso de que finalmente non se poida levar a cabo algunha destas actuacións, o gañador correspondente recibirá un bono para merchandising do grupo por un valor aproximado ao do custo da actuación. Como en edicións anteriores, os gañadores tamén poderán gravar en Estudios Mans tanto un single como un vídeo en falso directo.

O listado dos oito grupos gañadores publicarase o 28 de maio de 2020. 

-Máis información