O Centro Dramático Galego apoia a participación de Paula Carballeira no Torneo de Dramaturxia do Teatro Español

  A unidade teatral da Xunta de Galicia colabora con esta iniciativa do espazo escénico madrileño e a produtora LaZona, no marco do seu impulso á autoría teatral contemporánea

  A cuarta edición do certame transmitirase en ‘streaming’ e o público elixirá mediante votacións en liña o texto gañador

  O torneo desenvolverase a partir de mañá e ata o 15 de xullo en roldas eliminatorias de combates entre cada dous textos do total de oito seleccionados

O Centro Dramático Galego apoia a participación de Paula Carballeira no Torneo de Dramaturxia do Teatro Español
[30/06/2020]
O Centro Dramático Galego (CDG) colabora co IV Torneo de Dramaturxia do Teatro Español de Madrid a través do apoio á participación de Paula Carballeira como unha das oito dramaturgas e dramaturgos procedentes de todo o Estado que difundirán os seus textos mediante esta fórmula, ideada para darlle visibilidade á autoría teatral contemporánea.

A iniciativa, realizada pola produtora LaZona, desenvolverase no Teatro Español por cuarto ano consecutivo. Dada a situación sanitaria actual, será por vez primeira unha edición en streaming, que terá lugar nun dos escenarios das Naves del Español e na que o público poderá votar en liña nos tres minutos inmediatamente posteriores á súa transmisión a través da canle de Youtube do teatro. Mantense a fórmula de non coñecer con antelación a autoría de cada unha das oito pezas, escritas especialmente para este torneo.
 
Xunto coa dramaturga, directora de escena, actriz e narradora oral Paula Carballeira, foron seleccionados para esta ocasión Marga Llano, Jordi Galcerán, Jose Padilla, Maxi Rodríguez, Jordi Casanovas, Denise Despeyroux e Celia Morán. Os combates de dramaturxia levaranse a cabo dous a dous e en tres roldas: cuartos de final, semifinais e final. Así, en cada eliminatoria leranse dous textos e, unha vez terminado o combate, o público dixital poderá emitir o seu voto a través de Internet e decidir caldeles pasa á seguinte fase.
 
O torneo dará comezo mañá 1 de xullo e continuará ata o día 15, cando se decidirá a peza gañadora. O texto de Paula Carballeira medirase o 2 de xullo, ás 17,00 h., co de Jose Padilla.
 
Para o CDG, unidade teatral da Xunta de Galicia, o apoio a esta iniciativa inscríbese no seu obxectivo de contribuír á difusión dos textos teatrais de autoría contemporánea.

-Información no web do Teatro Español