Román Rodríguez trasládalles o apoio da Xunta aos festivais de FEST Galicia co Xacobeo 2021 como oportunidade de impulso

  O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións mantivo un encontro cos representantes destes eventos para coñecer a situación actual dos proxectos

  Explicoulles o traballo que se está a facer do Goberno galego e cales son as medidas do Plan de reactivación que se dirixen ao sector musical

  A marca acolle nesta edición 13 festivais que ofrecen programacións especiais combinando concertos adaptados e actividades presenciais con accións en liña

Román Rodríguez trasládalles o apoio da Xunta aos festivais de FEST Galicia co Xacobeo 2021 como oportunidade de impulso
[31/07/2020]
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantivo hoxe unha reunión de traballo cos representantes dos festivais adheridos á marca FEST Galicia co obxectivo de coñecer de primeira man a situación dos seus proxectos e abordar as medidas nas que traballa a Xunta de Galicia para impulsar o sector cultural e musical, tendo en conta a proximidade do Xacobeo 2021.

Durante a sesión celebrada na Cidade da Cultura, o titular de Cultura e Turismo en funcións salientou que o obxectivo co que naceu a marca FEST Galicia de promover a Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade, respecto ao medio ambiente e compromiso social “continúa vixente aínda que debemos adaptarnos á actual situación marcada pola crise sanitaria da covid-19”. Neste sentido, Román Rodríguez engadiu que os festivais son “un sector fundamental para Galicia e debemos seguir traballando para repoñernos e poder asumir a recuperación”.
 
Os festivais profesionais de música de verán que integran a marca FEST Galicia contan  co apoio do Goberno galego a través do programa FEST Galicia 2020 que conta cun investimento de 400.000 euros. Esta nova proposta desenvolverá ata finais de setembro concertos e convocatorias de formato reducido para cumprir cos protocolos hixiénico-sanitarios, así como distintas accións en liña. A prioridade é apoiar economicamente as empresas promotoras para que o próximo ano poidan regresar con edicións e carteis tan sobresaíntes como os inicialmente previstos para este ano.
 
FEST Galicia mantense así como marca transversal impulsada polo Goberno autonómico desde 2018 para promover un turismo musical sustentable e de calidade, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade e que, diante da actual crise sanitaria, víronse obrigados a suspender, adiar ou modificar as súas edicións actuais.
 
Ademais, ante esta situación excepcional, FEST Galicia 2020 ofrécelles unha nova plataforma de difusión para seguir en contacto co seu público. Forman parte dela 13 eventos, coa incorporación do Under Fest  SON Estrella Galicia de Vigo aos encontros xa adscritos a FEST Galicia nas anteriores edicións: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Cantos na Maré, Festival de la Luz, Caudal Fest e WOS Festival X Son Estrella Galicia.
 
Trátase dunha medida que se inclúe no Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico fronte os efectos da covid-19 dotado con 58 millóns de euros e creado co obxectivo de garantir o mantemento do emprego e do tecido produtivo empresarial. En total, esta folla de ruta contempla 47 medidas dentro das cales se recollen accións específicas para o sector musical e entre as que se inclúe un plan de axudas ou o impulso de programas como Directos en salas Xacobeo 2021, Cultura no Camiño e Galicia Emerxe.
 
Novos formatos, ocupación reducida e cambios no calendario
As circunstancias obrigaron aos festivais a repensar as súas programacións apostando en moitos casos por artistas galegos, a reformular a produción dos seus eventos e, en moitos casos, a modificar os seus calendarios habituais. Ata o momento celebráronse Vive Nigrán 2020 Picnic-Club Edition, encargado de inaugurar a temporada FEST Galicia os pasados 17 e 18 de xullo; Sinsal Litoral SON Estrella Galicia, que ofreceu a semana pasada unha exclusiva carteleira ao longo de cinco días; e os festivais 17º Ribeira Sacra e MicroSonRías Baixas, que celebran esta fin de semana edicións especiais en formato reducido.
 
A mediados de agostodesenvolverase o Atlantic Fest/Fest Galicia Xacobeo 2021 cun  concerto sorpresa que se traducirá en pezas audiovisuais para difundir a través das redes sociais, sen perder de vista a esencia de festival de praia que inaugura unha nova etapa do evento con localización no areal da Concha, en Vilagarcía de Arousa. E pechando o mes de agosto, o venres 28 e o sábado 29, o Resurrection Fest 2020 Online Edition desenvolverá unha programaciónen streaming con máis de 12 horas de contido nas plataformas de YouTube e Facebook, na que se inclúe un documental coa historia do festival, concertos inéditos, entrevistas e a estrea oficial da canción do Resurrection Fest creada pola banda Crisix.
 
Setembro, o mes máis ‘festivaleiro’
Moitos festivais decidiron mover o seu calendario habitual ao mes de setembro, que estará cargado de propostas moi diversas. A ruta comezará en Lugo coa programación do Caudal Fest, que programará asNoites de Caudal con 15 concertos de varios artistas, repartidos do 3 ao 20 de setembro en distintos emprazamentos da cidade de Lugo para un máximo de 800 persoas.
 
Pola súa banda, o Festival das Linguas ofrece o formato Revenidas en conserva, que do xoves 10 ao domingo 13 mesturará actividades en liña e convocatorias presenciais, con música, circo, narración oral, actividades de cultura mariñeira e gastronomía en varios lugares de interese turístico do barrio de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.
 
Esa mesma fin de semana o WOS desenvolverá a súa edición máis reflexiva cunha xornada do programa de conferencias WOS Talks X FEST Galicia, que terá lugar o sábado 12 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, e tamén vía streaming. Serán charlas con carácter formativo, centradas na responsabilidade social e dirixidas a unha ampla audiencia sobre temas de actualidade na cultura e experiencias persoais de artistas de prestixio.
 
Na última fin de semana de setembro tamén conflúen outras dúas citas. En Santiago, do 24 ao 27, o festival Cantos na Maré programará a edición especial Compostela na Maré con actividades musicais e sectoriais que se desenvolverán en diferentes espazos singulares da capital de Galicia e se poderán seguir tamén a través da rede. Mentres, en Vigo, o Festival Under Fest celebrará unha edición reducida o sábado 26 de setembro, con concertos en salas e teatros da cidade e tamén actividades na rúa.
 
Aínda en setembro pero sen data confirmada, terán lugar outros dous eventos: Festival de la Luz ofrecerá Reencuentros de la luz e a que será a 10ª edición do PortAmérica publicará Talento galego para levar, tres gravacións exclusivas doutros tantos artistas de talento consolidado da música galega, que se realizarán sen público en lugares de interese turístico, e que se publicarán ao longo dese mes.
 
-FEST Galicia