A Xunta contribúe á nova carteleira do Principal de Ourense con seis espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  O director da Agadic participou hoxe na presentación da programación que o escenario ourensán acollerá durante o primeiro semestre de 2021, cunha trintena de propostas culturais de música, teatro e danza

  As montaxes galegas ‘Bernarda’ de Malasombra, ‘Leira’ de Nova Galega de Danza e ‘Un home con lentes de pasta’ de Redrum poderán verse dentro do circuíto da Consellería de Cultura xunto con ‘Esperando a Godot’, ‘Principiantes’ e ‘Golfa’

A Xunta contribúe á nova carteleira do Principal de Ourense con seis espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[21/12/2020]
O Teatro Principal de Ourense avanzou hoxe a súa nova carteleira semestral, que desenvolverá a partir do 3 de xaneiro de 2021 e entre a que se inclúen seis espectáculos programados a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto cofinanciado pola Xunta de Galicia e unhas corenta entidades locais de toda Galicia.

Así o detallou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto ao vicepresidente primeiro da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Luis Fernández, e á directora do Teatro Principal, Olga Mojón. Na súa intervención, tamén fixo fincapé no esforzo que están a realizar a meirande parte dos espazos escénicos galegos por manter a continuidade das programacións culturais e por “servir de punto de encontro seguro” entre o público e a actualidade escénica galega e do resto de España.
 
Preto de 500 funcións en 2020
O responsable de Industrias Culturais da Xunta incidiu no papel da Rede Galega de Teatros e Auditorios como ferramenta para a contratación e distribución na nosa Comunidade de espectáculos profesionais, maioritariamente galegos. “Evidentemente o circuíto tamén acusou os efectos da pandemia, pero no seu conxunto, e grazas a todos os axentes implicados, está previsto que peche o ano con 493 funcións realizadas e unha taxa de reprogramación das actuacións suspendidas superior ao 85%”.
 
En canto ao primeiro semestre de programación que o Teatro Principal ofrecerá como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios, na carteleira figuran tres espectáculos galegos xunto cunha coprodución galego-madrileña e outras dúas montaxes de produción estatal. Así, en xaneiro a compañía Malasombra representará en Ourense Bernarda (día 9), versión da obra de García Lorca que foi a gran triunfadora dos Premios María Casares de Teatro deste ano, mentres que Nova Galega de Danza subirá a escena con Leira (día 16), a súa nova proposta coreográfica inspirada nunha Galicia intemporal e máxica.
 
Xa en maio, será a quenda para a estrea do espectáculo que está a preparar Redrum Teatro, Un home con lentes de pasta (día 8), e para a representación de Golfa (día 21), de José Padilla, unha comedia transmedia sobre a sexualidade coproducida pola empresa cultural galega Crémilo e a compañía madrileña Primera Toma.
 
O público ourensán terá tamén a oportunidade de ver dúas propostas asinadas por destacados nomes da escena estatal. É o caso de Pepe Viyuela, quen protagoniza a adaptación de Esperando a Godot (23 de xaneiro), de Samuel Bekett, por Pentación Espectáculos, e de Andrés Lima e Javier Gutiérrez, director e actor, respectivamente, de Principiantes (21 de febreiro).
 
Música
A través destes títulos, a Xunta colabora nunha programación que se estenderá ata o 19 de xuño cunha trintena de citas culturais en cartel. Entre elas, o tradicional concerto de Aninovo (3 de xaneiro) e as actuacións musicais da formación Classico Chamber Strings (7 de febreiro), o ciclo Voces femeninas (5 de marzo), o Ecléctica Ensemble da Sinfónica de Galicia (18 de marzo) e Annie B. Sweet (9 de abril).
 
O Teatro Principal será tamén escenario dunha parte das actividades da ICC Week (do 22 ao 27 de marzo) e da XXVI Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) a mediados de abril, así como da ópera Tosca (14 de marzo) e doutra decena de propostas teatrais.

-Teatro Principal