O CGAI estrea o ano do seu 30º aniversario cunha carteleira de 18 sesións e un ciclo dedicado ao universo fílmico de Wong Kar-wai

  A Filmoteca de Galicia celebrará en 2021 os trinta anos da súa inauguración, que tivo lugar o 15 de marzo de 1991

  Continúa en xaneiro a retrospectiva sobre o cine negro de Robert Siodmak, así como as seccións habituais Fóra de Serie, Off Galicia ou CGAI Júnior

O CGAI estrea o ano do seu 30º aniversario cunha carteleira de 18 sesións e un ciclo dedicado ao universo fílmico de Wong Kar-wai
[05/01/2021]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia o vindeiro xoves a súa primeira carteleira de 2021, ano no que a cinemateca da Xunta celebrará o trinta aniversario da súa inauguración o 15 de marzo de 1991. Durante este mes de xaneiro, programará 18 sesións na súa sede da Coruña, entre as que destaca a primeira parte dunha completa retrospectiva do icónico director hongkonés Wong Kar-wai, ademais da continuación do ciclo que lle está a dedicar ao cinema negro de Robert Siodmak.

Considerado un dos mestres do xénero e responsable do seu renacer en Hollywood, Siodmak protagoniza este arranque de 2021 con dúas sesións do clásico Forajidos, que terá cadanseu pase este xoves 7 e o venres 8 de xaneiro, ao que lle seguirán Una vida marcada (días 12 e 13), El abrazo de la muerte (días 15 e 16) e El caso de Thelma Jordon (días 19 e 20).
 
Xaneiro tamén virá marcado pola primeira parte do ciclo Universo Wong Kar-wai, que ofrecerá as restauracións en 4k de sete dos seus filmes realizadas con motivo do vinte aniversario da estrea de In the Mood for Love (2000), título que o consagrou como director imprescindible en calquera listaxe internacional de cinema de autor.
 
A retrospectiva arrancará con As tears go by (1988), programada para o 21 de xaneiro e o 2 de febreiro, e Days of Being Wild (1990), os días 26 e 27 de xaneiro. Xa no mes que vén, o CGAI exhibirá tres dos títulos cos que Wong Kar-wai alcanzaría nos anos noventa a categoría de cineasta de culto: Chungking Express, Fallen Angels e Happy Together, ademais de 2046 e da devandita In the Mood for Love.
 
Off Galicia co Novo Cinema Galego
Este sábado 9 o Centro Galego de Artes da Imaxe programa unha sesión de Off Galicia, a través da que nos últimos meses está a conmemorar o décimo aniversario do chamado Novo Cinema Galego. Desta volta, o director Xurxo Chirro será o encargado de presentar, en conexión telemática, tres dos seus traballos: Gran Hotel, Carta a Herzog e DE BARRIO.
 
En xaneiro lembraranse tamén os inicios do cinema profesional galego con motivo dunha nova entrega da sección Pensando en cine, pensando en Galicia, comisariada por Antón Reixa. Neste caso, o seu convidado será o presentador Xosé Ramón Gayoso, quen o día 23 visitará a cinemateca para manter un coloquio sobre a película que elixiu para a ocasión: Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro.
 
Completan a carteleira deste mes El niño y la bestia, de Mamoru Hosoda, que se poderá ver o día 30 en CGAI Júnior, así como cinco novas sesións de Fóra de Serie con Song to Song, de Terrence Malick, os días 13 e 14, e tres títulos que serán presentados polos seus propios directores: 143.252 (Los ojos no quieren estar siempre cerrados), de Marcelo Expósito, o día 22; El año del descubrimiento, de Luis López Carrasco, o día 28; e El principio del fin de las armas nucleares, de Álvaro Orús, o día 29.
 
As proxeccións no CGAI continúan a concentrarse nunha única sesión diaria e con limitación da capacidade para dar cumprimento ao protocolo de control sanitario. Os pases, de entrada gratuíta, dan comezo ás 19,30 h. de martes a venres (agás o xoves 28, que será ás 18,30 h.) e ás 18,00 h. os sábados.
 
-GGAI