A Xunta ofrece cinco actuacións escénicas en Cambados ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  O circuíto retoma o domingo a actividade programada en colaboración co Concello, coa representación de ‘Pinocchio’, de Ghazafelhos

  Os espectáculos, dirixidos na súa meirande parte a público familiar, terán lugar no Auditorio Municipal da Xuventude

A Xunta ofrece cinco actuacións escénicas en Cambados ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[08/04/2021]

A Xunta promove ata xuño cinco actuacións escénicas en Cambados, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). Os espectáculos organizados en colaboración co Concello están dirixidos na meirande parte ao público familiar e desenvolveranse no Auditorio Municipal da Xuventude. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar en Cultura de Galicia e no web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

 


Así, o domingo representarase Pinocchio, de Ghazafelhos, unha posta en escena que, a través de monicreques, teatro e música en directo, conduce a unha emocionante aventura chea de humor e sensibilidade. A vindeira semana, o día 18, será a quenda de Elefante Elegante, con Patapatúm, espectáculo de teatro visual sen palabras que ofrece unha reflexión sobre o tempo, a infancia e como se enchen os baleiros das ausencias.

O día 25 deste mes chega o novo circo da man de Galitoon con The show moscón, no que un moscón presenta un circo de monicreques ambulante, representado por un armario que abre as portas para mostrar os diferentes números que hai no seu interior. Pola súa banda, Producións Teatráis Excéntricas representará o 2 de maio Cartoóns, coa que busca incentivar no auditorio infantil a creatividade ao tempo que impulsa valores como a colaboración, o traballo colectivo, a conciencia ecolóxica e a empatía social. Todas estas funcións están dirixidas ao público infantil e familiar.

Completa a programación o espectáculo de danza Mocap, de Matías Daporta, previsto para o 1 de maio. Esta peza busca facer aparecer un corpo que non está, ao tempo que explora como a cultura dixital actual interfire nas relacións co corpo tanxible, cada vez máis ausente.

Máis de 300 actuacións en 40 concellos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios retomou en febreiro a actividade que fora suspendida por mor das restricións da covid-19, como programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por un valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.