O Salón Teatro de Santiago acolle tres espectáculos de novo circo no marco do encontro 'D10!'

  O director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, participou hoxe na rolda de prensa de presentación do evento que terá lugar ao longo da vindeira semana

  No escenario da unidade teatral da Xunta actuarán as compañías catalás PSIRC e Madame Gaüc, e a andaluza La Víspera

  O CDG promove tamén o obradoiro de dramaturxia en circo 'Escribir o risco', que impartirá Jorge Albuerne no Centro Sociocultural do Romaño

O Salón Teatro de Santiago acolle tres espectáculos de novo circo no marco do encontro 'D10!'
[19/11/2021]
O Salón Teatro de Santiago será a principal sede do Encontro para a formación e a innovación no circo D10!, organizado pola compañía Pistacatro e que chega este ano á súa sexta edición. No marco desta iniciativa, o escenario do Centro Dramático Galego (CDG) acolle os vindeiros días 24, 25 e 26 tres espectáculos deste xénero abertos ao público e mais o obradoiro de dramaturxia no circo Escribir o risco, que terá lugar no compostelán Centro Sociocultural do Romaño.
 
Así o anunciou o director do CDG, Fran Núñez, na rolda de prensa de presentación do evento. Na súa intervención, salientou a relevancia desta iniciativa “como plataforma de encontro para as artes escénicas e para a conexión co que se está a facer noutros territorios”. Segundo sinalou, o apoio por parte da unidade teatral da Xunta de Galicia enmárcase na aposta por “reforzar a colaboración con todos os axentes da escena galega a prol da innovación e da creación de público”.   
 
O Encontro para a formación e a innovación no circo D10! conta co apoio da Xunta de Galicia e está financiado polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM).
 
‘Mi nombre es Hor’, ‘Fil’ e ‘Murmullo’
A primeira das exhibicións no Salón Teatro terá lugar o mércores 24, ás 20,00 h., con Mi nombre es Hor, da compañía catalá PSIRC, baseada artisticamente na poética da imaxe que se artella a través das técnicas de circo e os monicreques. Trátase dunha historia inspirada en feitos reais protagonizada por dous artistas de circo, Wanja Kahlert, o alto e forzudo, e Adrià Montaña, o pequeno e áxil.
 
Na xornada do xoves, á mesma hora, será a quenda da compañía Madame Gaüc, tamén procedente de Cataluña, co espectáculo Fil, que explora as relacións humanas a partir dunha linguaxe universal: a física. Dúas personaxes embarcan nun xogo de tensións entre a realidade e a ficción, a razón e a emoción, para proxectar un imaxinario co que captan a complicidade do público.
 
O venres ás 19,00 h. chega de Andalucía La Víspera, con Murmullo. Trátase dunha montaxe que convida o público a mergullarse no concepto que lle dá nome, establecendo un diálogo artístico cos intérpretes e os diferentes elementos que compoñen a escena. É unha peza de circo, danza contemporánea, manipulación de monicreques e música en vivo.
 
Dramaturxia no circo
O obradoiro de dramaturxia Escribir o risco impartirao Jorge Albuerne do 29 de novembro ao 1 de decembro no compostelán Centro Sociocultural do Romaño. A través del practicarase a creación de dispositivos de posta en escena baseados no circo e a súa posterior análise como escrituras escénicas. O CDG vén apoiando a formación en novas dramaturxias no circo desde a primeira edición de D10!, coa participación en anos anteriores de figuras como Roberto Magro, Pau Portabella, Emilio Goyanes, Pepa Gil ou Theodor Román.
 
Ademais destas propostas, o encontro D10! ofrece a exhibición de danza vertical Vértigo no Centro Galego de Arte Contemporánea o 27 de novembro ás 13,00 horas, ou o obradoiro de malabares expresivos a cargo de Guillaume Martinet, os días 25 e 26 na Cidade da Cultura de Galicia.
 
Na rolda de prensa na que se anunciaron estas actividades presentouse tamén o programa impulsado polo Concello de Santiago Circo a escena, un circuíto artístico promovido polo INAEM e desenvolvido pola Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública en colaboración cos espazos escénicos asociados.