As axudas da Xunta á edición musical contribúen con máis de 100.000 euros ao lanzamento de 18 novos traballos discográficos

  As adxudicatarias da convocatoria de 2021 son 10 empresas musicais galegas para editar tanto proxectos emerxentes como artistas xa consolidados

  Subvenciónanse os debuts de Alex Monteagudo, Berto, Las Palmeras, Los Rastreadores, Os do Fondo da Barra e Shego, así como as novas referencias de As Faiscas, Brath, Croma, Dani Cornes, Dios Ke Te Crew, Familia Caamagno, Grande Amore, Monoulious Dop, Mou, Seso Durán, Supermeiga e Vera Fauna

  Con esta resolución remata o ciclo anual de axudas xestionadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais, polas que se distribuíron preto de 10,5 M€ en 2021

As axudas da Xunta á edición musical contribúen con máis de 100.000 euros ao lanzamento de 18 novos traballos discográficos
[30/12/2021]
A Xunta de Galicia acaba facer pública a adxudicación de máis de 100.000 euros en axudas a 18 novos traballos discográficos. Resólvese así a recente convocatoria de apoio á produción fonográfica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, da que son beneficiarias 10 empresas musicais galegas para diferentes fases do proceso de edición das novas referencias tanto de artistas emerxentes como de proxectos musicais de recoñecida traxectoria.

O lanzamento e a consolidación de carreiras musicais é precisamente un dos obxectivos desta liña anual de subvencións, posta en marcha en 2019 pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que busca tamén impulsar a profesionalización do sector, a normalización no uso da lingua galega e o enriquecemento cultural a través da música.
 
Seis discos de debut
Como se pode consultar na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a través da súa modalidade A, contribúese ao lanzamento por parte de Tremendo Audiovisual de Viaxe ao mundo interior, primeiro disco en solitario de Berto, a metade da dúo Verto. Tamén se apoian os debuts do cantautor vigués Alex Monteagudo, presentado por Regala Música; da proposta electrónica Las Palmeras, de Croma e DJ Murdock, editada por Visioners Entertainment; de Os do Fondo da Barra, por Mare Producción, e mais da banda feminina Shego e do proxecto conxunto de Ortiga e Grande Amore, baixo a denominación de Los Rastreadores, ambos da man de Ernie Producciones. 
 
No caso da modalidade B, dirixida a artistas que xa contaban con títulos anteriores no mercado, subvenciónanse outras dúas propostas de Ernie (os segundos discos de Grande Amore e de Vera Fauna), así como tamén de Regala Música (Supermeiga), Visioners Entertainment (Croma), Tremendo Audiovisual (Familia Caamagno) e Mare (Dani Cornes). A listaxe de proxectos apoiados complétase co traballo de celebración do 40 aniversario de Brath (Sons Galiza Comunicación) e os últimos discos de Seso Durán (Inquedanzas Sonoras), Monoulious Dop (Seispés Producións Creativas) e As Faiscas (Xílgaro), así como as autoedicións do novo de Dios Ke Te Crew e de Mou, un dos integrantes da banda de Ordes.
 
Remate do ciclo anual de subvencións
A publicación dos concesionarios desta liña de subvencións á produción fonográfica ponlle fin ao ciclo anual de axudas xestionadas pola Agadic, polas que se dispuxo un total de 10.474.000 euros dirixidos aos sectores profesionais de distintos ámbitos do audiovisual, a escena e a música.
 
Foron 15 as convocatorias publicadas e resoltas ao longo de 2021, o que supón, ademais,  a cifra máis alta das levadas a cabo polo organismo de Industrias Culturais da Xunta. No eido audiovisual, as axudas tiveron por obxecto desde a produción e coprodución, ata a organización de festivais, pasando pola axudas para a promoción do talento, o desenvolvemento de proxectos ou a comercialización en foros de negocio de fóra de Galicia. A estas hai que sumarlles dúas novas liñas que naceron este ano: a de captación de rodaxes ao abeiro do Hub Audiovisual e as destinadas ás salas de cinema.
 
Para o fomento da actividade escénica centráronse as subvencións á creación de espectáculos, a festivais do sector e a salas escénicas de titularidade privada; en tanto que na dinamización musical incidiron as dirixidas a empresas e autónomos para celebrar concertos dentro da programación do Xacobeo 21-22, á edición discográfica, a festivais de música e ás salas privadas. 
 
Outras axudas tiveron por obxecto o apoio ás industrias culturais galegas dun xeito máis transversal, como foron ás destinadas á distribución ou á programación de teatro, danza, novo circo, música e maxia dentro do circuíto Cultura no Camiño.

Resolución de adxudicación do 22 de decembro de 2021