Román Rodríguez valora o retorno económico para Galicia da filmación da serie 'Rapa' no marco do Hub Audiovisual da Xunta

  O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade mantivo un encontro con Alfonso Blanco, produtor executivo de Portocabo, primeira empresa galega adxudicataria do fondo de atracción de rodaxes

  O proxecto do thriller ambientado na serra da Capelada multiplicou por 10 o investimento de 300.000 euros adxudicados mediante subvención, xa que implicou un gasto na nosa Comunidade de máis de 3M€

Román Rodríguez valora o retorno económico para Galicia da filmación da serie 'Rapa' no marco do Hub Audiovisual da Xunta
[03/01/2022]
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse co produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco, para valorar o resultado da rodaxe en Galicia da serie Rapa, a nova produción da empresa galega e Movistar+ como primeira proposta realizada ao abeiro do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta, que implicou un gasto na nosa Comunidade de máis de 3M€.

No encontro, no que tamén participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, expuxéronse os detalles da filmación levada a cabo durante dous meses en distintas localizacións da serra da Capelada e de varios concellos desta zona da comarca de Ferrolterra.

 
Rapa é a primeira proposta realizada ao abeiro do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta e, en concreto, do seu fondo para a atracción de rodaxes, no marco do que resultou adxudicataria dunha axuda de 300.000 euros. Con esta medida específica do Hub, o Goberno galego ofrécelles unha nova inxección económica ás empresas galegas que leven a cabo proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia. Un dos principais requisitos consiste na realización dun investimento mínimo en Galicia: 1M€ para longas cinematográficas de ficción e animación e 1,5 M€ para as series de ficción. No caso de Rapa o gasto realizado a raíz da súa rodaxe durante máis de dous meses na nosa Comunidade multiplica por 10 a contía da subvención concedida, xa que este se estima superior aos 3M€.
 
Máis proxectos en curso
Na xuntanza tamén houbo oportunidade de coñecer algúns dos vindeiros proxectos de Portocabo, artífice da multipremiada serie Hierro e unha das produtoras galegas de maior proxección nacional e internacional na actualidade. Así, a empresa coruñesa anunciou recentemente a apertura dunha nova oficina de produción radicada en Lisboa e prepara xa unha secuela do exitoso filme Cuñados, que acaba de obter apoio da Xunta para a súa posta en marcha a través das subvencións ao desenvolvemento audiovisual.
 
Equipo galego
Pepe Coira e Fran Araújo son os creadores desta nova proposta televisiva, que dirixe Jorge Coira e conta con Alfonso Blanco na produción executiva.
 
En canto á interpretación, Javier Cámara e Mónica García encabezan un elenco cunha importante representación galega, con nomes como Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salgado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo Barreiro ou Mabel Rivera, entre outros. Todos eles danlle vida a este thriller, que arrinca durante a celebración da festa da Rapa das Bestas, cando ten lugar un crime que Maite, unha sarxento da Garda Civil, intentará resolver coa axuda de Tomás, un profesor frustrado.
 
A serra da Capelada e os seus cantís sobre o océano Atlántico son os principais escenarios naturais desta serie de seis episodios, que ten prevista a súa estrea na primavera de 2022 e que contou coa participación maioritaria de profesionais galegos nos planos artístico e técnico.
 
Catro millóns de euros para captar novas filmacións
A primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes, dotada con 2 millóns de euros, terá continuidade en 2022 cun novo orzamento polo mesmo importe. Supuxo, ademais, o arranque das medidas do Hub Audiovisual como programa de apoio sen precedentes para o conxunto do sector, que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia. Contarase para tal fin cun orzamento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
 
As próximas subvencións para o desenvolvemento simultáneo de ata cinco proxectos audiovisuais, cuxas bases foron aprobadas no Consello da Xunta do pasado 29 de decembro, a posta en marcha da Galicia Film Commission, o polo de talento, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas nos vindeiros meses ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural.