A Xunta ofrece 54 actuacións escénicas na área da Coruña ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  A programación arranca esta fin de semana en Arteixo co espectáculo de danza de Marta Alonso Tejada Bailar agora, coproducido polo Centro Coreográfico Galego

  A oferta global deste circuíto cultural organizado en colaboración coas entidades locais inclúe 329 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 40 espazos de toda Galicia

  O Goberno galego incrementou un 12,5% o orzamento respecto a 2021 para a Rede e destina 574.000 euros ao primeiro semestre de actividade

A Xunta ofrece 54 actuacións escénicas na área da Coruña ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[12/01/2022]
A Xunta ofrece ata xuño 54 actuacións escénicas na Coruña e a súa área metropolitana a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), das que 27 terán lugar na capital provincial, 10 en Arteixo, nove en Sada, cinco en Oleiros e tres en Betanzos. A programación deste circuíto cultural para o primeiro semestre de 2022, organizada en colaboración cos concellos, arranca esta fin de semana en Arteixo con danza da man de Marta Alonso Tejada.

Así, o venres o Auditorio do Centro Cívico Cultural arteixán acolle ás 20,30 h. o espectáculo Bailar agora, coproducido polo Centro Coreográfico Galego en 2020. A montaxe, que xa formou parte da programación da Rede o pasado ano e foi recoñecido con varios premios María Casares en 2021, preséntase como unha sorte de imperativo cara á situación no presente social e persoal a través da danza.
 
As restantes actuacións previstas neste espazo terán lugar maiormente no primeiro trimestre e céntranse no teatro, agás a proposta de maxia prevista para o 28 de xaneiro co Mago Xacobe. En febreiro chegan Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, coa coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) A lúa vai encuberta, Trémola Teatro con Valente e rebelde, Pedras de cartón con Quixote e Teatro do Atlántico con Libre coma os paxaros. En marzo volve Incendiaria con Microspectivas dun marica millennial, ademais de Estudo Momento con 1888. A señorita Xulia e Atalaya con Celestina, la tragicomedia. A danza, ao igual que abriu o cartel deste concello, péchao a finais de abril coa montaxeNatanam de Da.Te Danza.
 
Funcións de xaneiro a xuño na Coruña
A seguinte localidade en comezar coa programación da RGTA é A Coruña. Faino o 22 de xaneiro no Teatro Rosalía Castro, onde se poderá ver de novo A lúa vai encuberta, peza gañadora do II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.
 
Tras esta, haberá funcións ata xuño. Nelas predomina o teatro, con montaxes como Moria, da compañía canaria Unahoramenos Producciones, da que se ofrecerán dúas representacións na primeira fin de semana de febreiro, Feirantes de Teatro do Noroeste, A familia real de Olivas Negras, Ningures de Teatro ao Cubo e a coprodución do CDG con Con De Tres Pés Rastros.
 
Tamén haberá danza con Nataman de Da.Te Danza, e as coproducións do CCG Tabú de Colectivo Glovo e de Elahood, ademais de Constantes do Porvir de Félix Fernández. A nova coprodución do CDG con Ainé Producións para conmemorar o centenario do nacemento de María Casares Continente María pecha xa en xuño o cartel coruñés, do que 14 sesións terán lugar no Teatro Rosalía Castro, 12 no Fórum Metropolitano e a de danza Nataman no espazo Ágora.
 
Espectáculos para público familiar en Sada
Sada é outro dos concellos que comeza as representacións a finais deste mes. Será o día 28 co espectáculo La mona Simona de Cía. La Sonrisa del Lagarto. O seu cartel destaca pola predominancia de propostas para o público familiar. Así, en febreiro chega Teatro do Noroeste con Animais de compañía e en marzo Galitoon con Güela-Güela, ademais de Pares o Nones Producciones con El rey León. El tributo de Simba a Kiara.
 
En abril haberá música con Chuches Amil e novo circo con Hell brothers de Cirkompacto. A programación remata en maio con A nova historia da cigarra e a formiga, de Teatro del Andamio, A formiga Icía, de La Fiesta Escénica e a única proposta para público adulto, Todo nunha noite de Abismo Caracol. Todas as sesións terán lugar na Casa da Cultura Pintor Lloréns.
 
Pola súa banda, as funcións programadas en Oleiros e Betanzos arrancan en marzo. O día 5 estará no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera Ibuprofeno Teatro con Smoke in the water e na xornada do 19 farao A Panadaría con As que limpan. En abril será a quenda de Teatro do Noroeste con O último verán en Santa Cristina, Pérez&Fernández coa coprodución do CDG Os nenos da varíola e Nova Galega de Danza con Leira.
 
Finalmente, Betanzos destina os tres títulos da súa carteleira á Aula Municipal de Cultura nos meses de marzo, abril e maio. Trátase das montaxes Gloria Nacional de Teatro del Noroeste, A lingua das bolboretas de Sarabela Teatro e Os nenos da varíola de Pérez&Fernández.
 
Máis de 300 actuacións en 40 espazos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece nesta primeira metade do ano unha variada oferta cultural en 40 dos seus espazos asociados en todo o territorio galego. Sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións, a meirande parte delas, galegas. Así, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo, tanto para público adulto coma familiar.
 
A Xunta de Galicia incrementou un 12,5% o orzamento con respecto a 2021 ao destinar 574.000 euros a este primeiro período da programación anual da RGTA, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios. Deste xeito, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.
 
O calendario de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galiciae da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).