A ópera dos tres reís

Centro Dramático Galego

A Consellería de Cultura e Turismo, Novacaixagalicia e a Fundación Gaiás-Cidade da Cultura presentan a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) A ópera dos tres reís, de Bertolt Brech e Kurt Weill, enmarcada dentro das programacións do Ano da Música de Galicia e de Galicia Classics.

Este primeiro gran espectáculo musical do CDG, estreado o 23 de xuño de 2011 en Santiago de Compostela, sube ás táboas da man de Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical e con Luis Tosar no papel protagonista. Tanto o seu extenso elenco, cun total de 20 artistas en escena interpretando en directo música e cancións, como a ampla xira que desenvolverá dentro e fóra de Galicia, sitúan esta versión galega do clásico de Brecht e Weill entre as meirandes producións enfrontadas ata o momento pola compañía pública.

Ademais de Luis Tosar como Mackie Messe (Mackie da faca), César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Múnica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf", Muriel Sánchez, Begoña Santalices e Sergio Zearreta conforman o elenco de actores-cantantes, que desenvolve un intenso traballo interpretativo e vocal para levar adiante a esixente e vertixinosa posta en escena ensamblada por Quico Cadaval, con preto de vinte nmeros musicais e días horas e vinte e cinco minutos de duración.

Xunto con eles, sobre o mesmo escenario deseñado por Baltasar Patiño e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos: Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevichñ executará en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de cancións tan coñecidas e interpretadas como A balada de Mackie Navalla.

Na adaptación de Quico Cadaval ñresponsable tamén da dramaturxiañ, A ópera dos tres reís propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século.

A acción transcorre ao longo de 45 vertixinosas horas nos baixos fondos dunha cidade na que a ambición, os soños, a traizón, a mesquindade, o desexo, a tortura e a beleza son os ingredientes dun cóctel explosivo, sempre no punto de ebulición. Neste escenario habitado por delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos campa ás súas anchas o famoso gángster Mackie Messer (Mackie da Faca), cuxo historial delituoso non para de medrar en conivencia con Tigre Brown, xefe da Policía e amigo persoal de Mackie.

Ir á web de A ópera dos tres reís