CGAI. Programación novembro-decembro 2014

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) despide 2014 cunha nova programación na que ten un especial protagonismo a conmemoración do vixésimo quinto aniversario da estrea das tres primeiras longametraxes galegas en 35 milímetros ?Continental, Urxa e Sempre Xonxa? a través do ciclo CineGalicia25, que centra as proxeccións programadas do 25 de novembro ao 20 de decembro.

Esta última carteleira bimestral do ano inclúe, ademais, cadanseu ciclo sobre o director ruso Marlen Khutsiyev e o alemán Heinz Emigholz, así como novas entregas das seccións Fóra de Serie, Desencadres, Off Galicia e CGAI Júnior.



CineGalicia25. Que é o cine (galego)?
Co obxectivo de ofrecer aos espectadores unha escolma representativa do período 1989-2014 no cinema galego, o CGAI encomendou esta selección a oito profesionais do sector: Eduardo Galán, Miguel Anxo Fernández, Xosé Nogueira, Jaime Pena, Sabela Pillado, Fernando Redondo, José María Rodríguez Armada e José Manuel Sande.

Atendendo a unha serie de criterios historiográficos e procurando a maior representatividade e diversidade (industrial, xenérica, temática, autoral), esta escolla busca ofrecer unha síntese en imaxes deste cuarto de século a través de curtas, longametraxes, animación e documentais.

Este programa especial, que se completa con tres sesións reservadas aos pioneiros (producións dos anos setenta e oitenta previas a esta etapa), conta ademais coa participación de moitos dos directores das fitas que se exhiben.



Marlen Khutsiyev
En colaboración con ImagineIndia (Madrid).

A Filmoteca de Galicia dedica a primeira semana de novembro a ofrecer unha panorámica da obra do director ruso de orixe xeorxiana Marlen Khutsiyev, un dos máis destacados representantes do cinema soviético realizado durante a época do desxeo de Nikita Kruschev.Esta retrospectiva arranca o día 4 con Primavera en la calle Zarechnoy (1956), que codirixiu con Feliks Mironer e está considerada como un dos títulos máis característicos dese cine soviético post-Stalin que se arreda do maniqueísmo do réxime.

A pesar da censura, o director conseguiu o recoñecemento internacional como un dos máximos representantes dunha nova onda do cinema da URSS, en que os seus retratos da xuventude rusa gardan moita relación co vitalismo e as arelas de romper os esquemas narrativos da Nouvelle Vague francesa, algo que se pode comprobar en películas como Tengo 20 años (1965) e Lluvia de julio (1966). O ciclo recolle tamén un dos seus traballos para televisión (Era el mes de mayo, 1970) e Epílogo (1983), unha obra de cámara filmada xa en cor, cando Marlen Khutsiyev comezaba a ser considerado oficialmente.

Heinz Emigholz: arquitectura como autobiografía
En colaboración co Festival de Cine Europeo de Sevilla, CulturArts-Filmoteca del IVAC (Valencia) e Escola Técnica Superior de Arquitectura (Universidade da Coruña)

Heinz Emigholz, un dos nomes máis sobresaíntes da vangarda cinematográfica alemá, desenvolve desde os anos setenta unha prolífica carreira filmando sen parar por todo o mundo, especialmente en Europa e Estados Unidos. Emigholz roda imaxes que logo ?ás veces dez anos despois? atopan a súa forma definitiva nunha película determinada, películas que compoñen ciclos ou series que se van desenvolvendo en paralelo. En 1983 comezou coa súa serie Photographie and Beyond (Fotografía e máis alá) que se prolonga ata hoxe en día e da que forma parte unha subserie, Architecture as Autobiography, que comprende os retratos de oito arquitectos e que se presenta integramente no CGAI do 18 ao 21 de novembro canda os primeiros títulos dunha nova serie, Decampment of Modernism.

O ciclo compleméntase con presentacións e coloquios a cargo dos arquitectos Luz Paz e Xoán Mosquera, Fernando Agrasar, Emma López, Celestino García Braña e Evaristo Zas.

Seccións habituais
Xunto con estes ciclos especiais, o CGAI organiza unha nova entrega de Off Galicia, sección a través da que se busca dar visibilidade á nova creación audiovisual galega. Así, a presentación do 8 de novembro corre a cargo do autor Roi Fernández, mentres que o 15 de novembro ten lugar a proxecci? da fita 'Tilda&Jean' coa presenza do seu director, Darío Autrán.

Xa na segunda semana de novembro, ofrécense dous novos títulos dentro do apartado Fóra de Serie (10.000 Km, de Carlos Marques-Marcet, o día 11; e Frances Ha, de Noah Baumbach, o día 12), así como as últimas citas do ano dentro da sección Desencadres: unha sesión dos cineastas experimentais Peter Hutton e Nathaniel Dorsky (13 de novembro), mailo conxunto de obras de Stan Brakhage coñecido como Vancouver Islands Quartet (14 de novembro), realizado ao longo da última década da súa vida.

A sección CGAI Júnior tamén atopa o seu lugar en novembro coa proxección da fita 'Cocorico' o sábado día 22.

Programación en Ourense
Froito dun convenio asinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a Asociación Cultural Cineclube Padre Feijoo, a programación do CGAI continúa neste bimestre coa súa extensión a Ourense.

As sesións teñen lugar os luns na Biblioteca Pública Nodal (Concello, 11) ás 20.30 e ás 23.00 horas: Paraíso: Esperanza, de Ulrich Seidl (3 de novembro); El último de los injustos, de Claude Lanzmann (10 de novembro, cun único pase ás 20.30 h); Vida Extra (2013) de Ramiro Ledo (24 de novembro); E Agora? Lembra-me, de Joaquim Pinto (1 de decembro, tamén cun único pase ás 20.30 h), e Primavera en la calle Zarechnoy, de Marlen Khutsiyev (15 de decembro).

- Máis información sobre os filmes, calendario de proxeccións e venda de entradas en www.cgai.org

- Programación en pdf