CGAI. Programación xaneiro-febreiro 2017

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia 2017 dándolle continuidade ao seu ciclo Cine español: banda aparte. Esta nova escolma reúne oito longametraxes producidas nos últimos meses e que, malia seren estreadas nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos, tiveron unha moi restrinxida difusión en salas comerciais. Desde o cine de xénero ao documental experimental, esta escolla un tanto arbitraria fala dunha heteroxeneidade que contradí o mapa que se adoita debuxar do cine español. Algúns dos seus directores estarán na sede do CGAI para presentar os seus filmes e participar nos coloquios co público.

Tamén visitará a filmoteca galega Pedro Costa, quen se desprazará á Coruña para impartir unha clase maxistral no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa o 4 de febreiro. Con tal motivo, o CGAI recupera parte da súa filmografía, que podería inserirse no ciclo Cabo Verde-Fontainhas e que, en certo modo, culminaría coa súa última longametraxe, Cavalo Dinheiro. Como complemento proxéctanse as dúas primeiras longametraxes de Paulo Rocha, un cineasta que Costa recoñece como unha das súas maiores influencias. Na restauración destas películas colaborou o autor de Casa de Lava. Proxectarase, así mesmo, o clásico de Jacques Tourneur Yo anduve con un zombi, título que acostuma relacionarse decote con Cavalo Dinheiro e o ciclo de Fontainhas en xeral.

Fotogramas de Gimme Danger, La mort de Louis XIV, Cavalo Dinheiro e Noronha da Costa

En xaneiro continúa a recuperación dalgunha da obra de Jim Jarmusch, ao tempo que se estrea o seu último documental musical, Gimme Danger, sobre o grupo The Stooges. No apartado de recuperacións, sitúanse tamén as películas de Cecil B. DeMille que se programan en febreiro, catro dos seus ambiciosos frescos históricos producidos nos anos trinta e corenta e que se completarán con Los inconquistables e Los diez mandamientos no mes de marzo.

Mais alá das seccións habituais, Fóra de serie, Off Galicia, Desencadres e CGAI Júnior, destacan tamén as tres sesións dedicadas á obra (case) completa do pintor e cineasta portugués Luís Noronha da Costa e cuxa película máis coñecida, O Construtor de Anjos, xa proxectou o CGAI en 2015; a pequena mostra arredor do centenario de Camilo José Cela con dúas das participacións do escritor como actor/guionista (El sótano e Manicomio) e mais as coñecidas adaptacións fílmicas da súa obra (Pascual Duarte e La colmena); e, finalmente, o inicio da retrospectiva de Jean-Marie Straub e Danièle Huillet organizada polo Museo Reina Sofía, que repasará unha das obras máis inclasificables e influentes dos últimos cincuenta anos.

- Folleto da programación xaneiro-febreiro