CGAI. Programación marzo-abril de 2017 no CGAI

A programación de marzo e abril no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) dálle continuidade ao ciclo Jean-Marie Straub e Danièle Huillet. Facer a revolución é volver colocar no seu sitio cousas moi antigas, mais esquecidas, comisariado por Manuel Asín e Chema González e cuxas dúas primeiras sesións foron celebradas en febreiro. Como complemento deste programa organizado polo Museo Reina Sofáa, en abril proxéctanse outras dúas películas desta parella de cineastas -Der Tod des Empedokles e Antigona- que xunto coa mediametraxe Schwarze Sünde, constitúen unha sorte de ciclo sobre o poeta alemán Friedrich Hölderlin.

Grazas á colaboración co Consello da Cultura Galega, na semana do 8 de marzo ten lugar unha nova edición do ciclo Olladas de muller, onde se conxugan tanto películas asinadas por directoras galegas, como títulos actuais que se achegan á situación da muller en diferentes partes do mundo.

Fotogramas de Migas de pan, Sin Dios ni Santa María e Tout le monde aime le bord de le mer

Volven, así mesmo, as colaboracións cos festivais galegos. Desta volta, co Novos Cinemas de Pontevedra e co Play-Doc de Tui, a través da que chega ao CGAI o palmarés da primeira edición do festival de cine pontevedrés e unha retrospectiva sobre o documentalista canadense, Dominic Gagnon, vinda do festival tudense. Con tal motivo, o 28 de marzo o propio Gagnon participa nun encontro co público na sede da filmoteca galega na Coruña.

Tras o miniciclo dedicado a Cecil B. DeMille, o cine clásico regresa a finais de abril da man de William Wellman, de quen se programará en maio e xuño unha importante escolma dos seus traballos, todos en copias novas dixitais.

Ademais, e como vén sendo tradicional, o 15 de marzo, aniversario do CGAI, pasarase un gran clásico, Intolerancia (David W. Griffith, 1916), que acaba de facer o seu primeiro século de vida. E a programación redondéase coas seccións habituais: Contextos (este mes co filme de Eugène Green, Le fils de Joseph), CGAI Júnior, Off Galicia, Fóra de serie e dúas sesións de Desencadres, unha centrada na figura de Daniel Barnett (coorganizada con Cineinfinito) e a outra nas derradeiras películas sonoras de Stan Brakhage.

- Web do CGAI

- Programación en pdf