Fernando Rey e cine francés na nova programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI)

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia a súa nova programación 2017-2018, que vén marcada por dous extensos ciclos para conmemorar as efemérides cinematográficas do centenario do actor coruñés Fernando Rey e do 60° aniversario da Nouvelle vague francesa.

A película elixida pola Academia de Cine para representar a España nos Oscar de 2018, Estiu 1993, abre este próximo período de actividade do espazo da Xunta de Galicia nunha sesión que conta coa presenza da directora catalá. A proxección do seu filme estará acompañada da de doutras óperas primas, todas elas gañadoras da última edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra, co que o CGAI colabora na celebración deste programa.

Fotos de Carla Simón, Fernando Rey e de cine francés

O 21 de setembro comeza o ciclo 'Centenario Fernando Rey', que coincide cos cen anos do nacemento dun dos máis ilustres intérpretes da historia do cine español. Arrinca con Tristana, de Luis Buñuel, e continuará con 19 filmes máis ata finais de novembro. Todos eles conforman unha escolma diversa e representativa dunha carreira que se expande ao longo duns 50 anos e que conta con incursións en Hollywood, como The French Connection, ou exitosas participacións en coproducións europeas, como El discreto encanto de la burguesía.

As proxeccións terán lugar ao tempo que a exposición fotográfica 'Fernando Rey. Cabaleiro do cinema (1917-2017)', que poderá verse no Quiosco Alfonso. Esta reúne algo máis dun cento de imaxes tiradas do arquivo familiar do actor, depositado e dixitalizado no CGAI.

O outro gran ciclo da temporada, que comeza o 26 de setembro e se estende ata finais de ano, é 'Viaxe a través do cine francés'. O 60° aniversario da Nouvelle vague, movemento artístico de vangarda que marcou, non só a cinematografía gala, senón o cine de autor mundial nos anos sesenta, permítelle ao CGAI volver sobre algúns títulos recentemente restaurados deste grupo. É o caso das primeiras curtametraxes de Jacques Rivette, que se crían perdidas e foron recuperadas hai só uns meses pola Cinémathèque Française.

Ademais, o filme de estrea Las películas de mi vida, dirixido polo cineasta e director do Institut Lumière Bertrand Tavernier, fai un percorrido histórico por todo o cine galo dende os anos corenta. En diálogo coa fita e expandindo este rango temporal, o CGAI ofrece a súa persoal historia do cine francés con películas clásicas e modernas que van dende os anos vinte ata os nosos días. Algúns autores de cabeceira coma Jacques Becker ou Barbet Schroeder abren o curso e seguiranlles moitos máis.

Outras sesións a destacar son as que o CGAI programa en colaboración con diversos certames audiovisuais de Galicia. Así, o 10 de outubro a filmoteca acollerá a Teddy Williams logo do seu paso por Curtocircuíto. O cineasta presenta todas as súas curtametraxes e a súa ópera prima El auge del humano, gañadora do Leopardo de Ouro no festival de Locarno.

Entre o 17 e o 21 de outubro, o CGAI será a principal sede do FKM Festival de Cinema Fantástico da Coruña. Nesta edición, centrada na figura de Satán, dedícase un ciclo ao cineasta de culto Kenneth Anger, cunha serie de películas que funcionan como rituais iniciáticos ao esotérico, con música de Mick Jagger e Jimmy Page. Recupérase, ademais, o clásico El hombre de mimbre nunha versión restaurada e preséntase unha competición coas óperas primas de cine fantástico que marcan a temporada.

Por último, grazas ao Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) visitarán tamén o CGAI os días 25 e 26 de outubro Mariano Llinás e Jeannette Muñoz. Trátase de dous descubrimentos da filmografía latinoamericana máis anovadora, un dos principais focos de atención do certame ourensán deste ano.

Completan o programa do CGAI as seccións habituais coma Off Galicia, que mostra a creación audiovisual galega actual; ou Desencadres, sesións de cine experimental, nesta ocasión con pezas de Jerome Hiler e Stan Brakhage.

- Programa do CGAI setembro-outubro 2017

- Web do CGAI