Unha nova Rede Galega de Música ao Vivo

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) inicia unha nova etapa consensuada coas principais asociacións do sector, na que a Xunta de Galicia busca impulsar este circuíto, comezando por aumentar o seu investimento anual ata os 185.000 euros, un 105% máis que en 2017.

Esta contía, que achega a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) supón ademais o 85% do orzamento para a contratación dos grupos que actúen este ano na Rede Galega de Música ao Vivo, xa que o 15% restante correspóndelle ás 23 salas seleccionadas tras a convocatoria pública de admisión que se resolveu a finais do ano pasado. Neste primeiro semestre de 2018, serán 48 as bandas protagonistas dos 145 concertos programados.

A partir de agora, a RGMV dedícase exclusivamente á música (ata o de agora tamén tiñan cabida espectáculos escénicos de pequeno formato), mellora as condicións económicas na contratación artística, aumenta a circulación dos grupos polas diferentes salas e fixa uns baremos de calidade na selección dos espazos.

Estes requirimentos foron cumpridos polas 23 salas que comezan esta nova andaina e que ofrecen unha capacidade total para 4.300 persoas. Delas, catro estréanse este ano: A Arca da Noe de Vilar de Santos, A Pousada das Ánimas de Boiro, La Pecera de Vigo e Playa Club da Coruña. Xunto con elas, outros 19 locais que xa formaron parte en anos anteriores do circuíto da Agadic: Bâbâ Bar, Jazz Filloa Club e Sala Garufa Club da Coruña, Sala Son de Cangas do Morrazo, Super 8 de Ferrol, A Ventana de Laxe, Club Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Var con V de Moaña, Náutico do Grove, Sala Baranda do Barco de Valdeorras, A Casa das Crechas, La Borriquita de Belém, Moon Music Club e Sala Capitol de Santiago, El Contrabajo e La Fábrica de Chocolate de Vigo, e Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa.

A carteleira semestral coa que a Rede Galega de Música ao Vivo inicia a súa nova andaina reflicte esta variedade, con estilos que van do rock e pop ao jazz, pasando pola electrónica, a canción de autor, o rap ou o folk, entre outros. A programación concédelle un gran protagonismo ás bandas e intérpretes galegos que, cando menos, supoñen o 75% das contratacións, segundo se especifica na normativa de funcionamento.

Así, atopamos en cartel formacións e solistas como o propio Marcos Teira, quen actuou durante a presentación, Aló Django, Víctor Aneiros, Dakidarría, Silvia Penide, Nani García Trío, Cora Sayers, Igloo, Mónica de Nut, Agoraphobia, Patricia Moon, Sumrrá, Brais Morán, Odaiko, Eladio y los Seres Queridos, Tato Trío, Habitación Vudú, Bakin Blues Band, Tiruleque, Aldaolado...

A programación completa de xaneiro a xuño de 2018 pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda, así como no seguinte pdf:

-Rede Galega de Música ao Vivo xaneiro-xuño 2018