A Agadic encárgase directamente da xestión de tres importantes canles de distribución escénica e musical, que desenvolve en colaboración con numerosas entidades públicas e privadas de toda Galicia. A Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas e a Rede Galega de Música ao Vivo garanten a estabilidade na programación de espectáculos e concertos de factura galega, ao tempo que lles achega aos espectadores unha oferta ampla, plural e aberta tanto no que se refire aos seus contidos como á súa descentralización xeográfica.

Estas programacións, xunto cos diferentes ciclos que a Axencia Galega das Industrias Culturais promove de xeito puntual no marco de eventos culturais de diversa índole, configuran a carteleira de exhibición escénica e musical máis completa de toda Galicia, que o público pode consultar na sección de axenda desta web e na de Cultura de Galicia. Nelas inclúense, igualmente, as representacións desenvolvidas polo Centro Dramático Galego(CDG) e polo Centro Coreográfico Galego(CCG), así como a programación escénica e expositiva que acolle o Salón Teatro.

Ademais, a Agadic pon á disposición de todos os profesionais implicados (programadores culturais, artistas, compañías e grupos) a intranet galescena.info como principal ferramenta para a xestión da súa actividade no marco das súas redes: inscrición de compañía e bandas, proceso de contratación, recollida de datos de asistencia, etc. A través deste enderezo web infórmase, así mesmo, dos diferentes prazos para a inscrición de espectáculos e para a configuración da programación, ademais de ofrecer toda a documentación relativa ao funcionamento dos diferentes circuítos.

As principais canles de exhibición da Agadic son:

Rede Galega de Teatros e Auditorios - Constituída en 1996 co obxectivo de impulsar a distribución dos espectáculos galegos, a Rede Galega de Teatros e Auditorios consolidouse nestes anos como o principal circuíto para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade na súa programación habitual. A Agadic cofinancia esta rede xunto cos concellos e entidades xestoras do medio centenar de espazos asociados. O seu calendario de funcións estrutúrase en períodos semestrais de programación. As artes escénicas, a música e a maxia teñen cabida neste circuíto, con especial protagonismo do teatro e das compañías galegas.

Rede Galega de Salas - Este circuíto iniciou a súa actividade en 2007, ofrecendo dende entón un catálogo de propostas caracterizado pola multidisciplinariedade e no que foron cobrando maior peso as novas tendencias escénicas e os espectáculos especialmente dirixidos ao público infantil e familiar. Na actualidade, integran a rede cinco salas de xestión privada da Coruña, Santiago de Compostela, O Porriño e Vigo.

Rede Galega de Música ao Vivo - Promovida pola Agadic en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, iniciou a súa traxectoria en 2007 co obxectivo de atender de xeito específico as necesidades de difusión dos grupos e intérpretes musicais galegos. Cumpridos os catro anos de existencia, o circuíto deu un salto cualitativo cara a unha maior profesionalización, tanto no que se refire aos estándares de calidade das súas salas como de produción e distribución dos concertos. Unha trintena de locais de toda Galicia integran esta rede, financiada nun 85% pola Axencia Galega das Industrias Culturais, na que ten cabida unha gran variedade de estilos musicais, así como espectáculos escénicos de pequeno formato.

Salón Teatro - Situado en pleno centro histórico de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 34), é a sede do Centro Dramático Galego e o único espazo de exhibición escénica de titularidade exclusiva da Xunta de Galicia. A compañía pública encárgase da súa xestión e da configuración da súa carteleira, que ofrece unha programación escénica e musical aberta ás máis variadas tendencias artísticas, ademais de acoller a posta en escena das súas producións propias.