A CONSELLEIRA ÁNXELA BUGALLO ABOGOU NA INAUGURACIÓN POR UN TECIDO MUSICAL PROPIO

Máis de 150 persoas participan nas primeiras xornadas de debate "Cara a unha industria musical galega"

[10/04/2007]
O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle a partir de hoxe as xornadas de debate organizadas pola Consellería de Cultura e Deporte baixo o título "Cara a unha industria musical galega", nas que participan máis de 150 persoas, entre os expertos nos distintos eidos que atinxen ao desenvolvemento musical e unha nutrida representación do sector discográfico galego, ademais do público xeral que pode acceder ao programa aberto de conferencias, mesas redondas e presentacións de proxectos.
As xornadas, que quedaron inauguradas pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, están promovidas pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. O seu obxectivo identificar un punto de partida para a definición das liñas estratéxicas que han de guiar o desenvolvemento do sector. As formulacións de base son a consideración da música como unha industria cultural, a necesaria ordenación das políticas públicas de fomento da música, a atención á visibilidade social e distribución da música galega ao vivo e dos produtos fonográficos editados en Galiza, así como a internacionalización da nosa música.

Esta é a primeira ocasión na que, desde a Administración autonómica, se brinda un espazo para o intercambio e o diálogo entre os distintos axentes implicados no incipiente proceso de industrialización da música galega como xeito de enfrontar a súa diagnose actual, particularidades e potencialidades de futuro. No discurso de inauguración, Ánxela Bugallo salientou que "é a primeira vez que a Administración galega está a desenvolver unha política real no eido da música, desde o convencemento das súas posibilidades e co desexo de construír sobre elas unha industria cultural propia".

ATENCIÓN Á SOCIEDADE DIXITAL

O programa aberto, no que se trasladarán visións e experiencias sobre o panorama musical actual -cunha especial atención aos novos medios de difusión electrónica ou á incidencia da sociedade dixital na propiedade intelectual-, compleméntase coa celebración en paralelo de catro mesas de traballo para o intercambio de ideas e debate entre profesionais. Nestas xuntanzas trataranse asuntos como as novas formas de distribución musical, mercados globais e mercados locais, a vertebración so sector, ou o apoio á visibilidade e difusión da música galega.

O programa aberto do martes 10 iniciarase, trala inauguración oficial, cunha exposición a cargo de Luis Bará, director xeral de Creación e Difusión Cultural, sobre as liñas xerais da política da Consellaría de Cultura sobre respecto á promoción da música para 2007, á que seguirá unha ponencia do economista e xestor cultural Xavier Marcé, relativa ao futuro das músicas independentes en España dende unha perspectiva industrial.

Xa na sesión da tarde celebrarase unha mesa redonda moderada por Rodrigo Romaní baixo o epígrafe de "As novas formas de distribución musical, na que intervirán Albert Torres, director rexional de The Orchard para España e Portugal; Fernando Luaces, director e fundador de BOA Music; e Antonio Pérez Casas, asesor do conselleiro de Innovación e Industria para a Sociedade da Información. Completan a actividade pública para ese día as presentacións a cargo de Óscar Domínguez, xerente do proxecto Lonxa Cultural; Rubén Cela, director xeral de Xuventude, que falará da Rede Galega de Locais de Ensaio; e Nöel Feáns, coordinador da revista Sono-Tone.

Outros especialistas que realizarán as súas achegas ás xornadas son Antón Martínez, xerente da axencia Endirecto GmbH; Antonio Vizcaya, responsable de Canarias Crea; José Miguel López, director do programa "Discópolis" de Radio 3; Ignacio Garrote, profesor titular de Dereito Civil na Universidade Autónoma de Madrid; Javier Penafreta, asesor legal de Leggio Contenidos y Aplicaciones Informáticas S.L.; ou Rafael Sánchez Aristi, profesor titular de Dereito Civil na Universidade Rey Juan Carlos I de Madrid.