O Consello Reitor da Agadic nomea coordinadora de Política Audiovisual a Dolores Meijomín Rodríguez

  Presidido por Jesús Vázquez Abad, o órgano de goberno da Axencia adscrita á Consellería de Cultura e Educación aprobou a designación na súa reunión de hoxe

O Consello Reitor da Agadic nomea coordinadora de Política Audiovisual a Dolores Meijomín Rodríguez
[05/07/2013]
O Consello Reitor da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acordou hoxe o nomeamento de Dolores Meijomín Rodríguez como nova coordinadora do Departamento de Política Audiovisual do organismo, co que se resolve a convocatoria publicada o pasado mes de abril.
 

O órgano de goberno da Axencia, presidido polo conselleiro Jesús Vázquez Abad, aprobou esta designación despois da proposta motivada da Dirección da Agadic, que se realizou atendendo a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade entre os candidatos e candidatas presentados.
 
Resólvese deste xeito a convocatoria publicada en abril deste ano para a provisión deste posto como persoal directivo á fronte do departamento ao que lle corresponde especificamente o desenvolvemento das políticas de promoción das industrias audiovisuais galegas. 
 
A nova coordinadora desenvolverá as funcións atribuídas ao posto creado no Decreto 150/2012 de 12 de xullo polo que se aproba o Estatuto da Agadic. Estas comprenden, entre outras, impulsar a relación entre os distintos axentes culturais galegos no ámbito do audiovisual e os seus posibles aliados no exterior, ademais de establecer programas de cooperación cara a promoción do audiovisual galego con outros centros de similares características ás da Agadic.
 
María Dolores Meijomín Rodríguez (Lalín, 1970) desenvolveu a súa traxectoria profesional nos últimos anos na Secretaría Xeral de Comunicación e na Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia; así como no extinto Consorcio Audiovisual Galego, no que estivo destinada entre 2010 e 2012. Alí realizou traballos para a  posta en marcha e desenvolvemento da internacionalización do audiovisual galego nos mercados europeos e latinoamericanos.

Na actualidade estaba a prestar servizo na Agadic, onde levaba a cabo actividades de promoción destinadas ás industrias audiovisuais galegas, tales como a participación coordinada nas principais feiras do sector (EFM de Berlín, Miptv, Mipcom e Marché du Film de Cannes, Ventana Sur de Bos Aires, etc.), así como a organización de programas de apoio ao cinema galego en festivais internacionais.