O SALÓN TEATRO ACOLLE A ESTREA O 2 DE XUÑO

Pisando Ovos presenta "30.000" en coprodución co Centro Coreográfico

[31/05/2007]
O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana (sábado 2 de xuño ás 20.30 horas e domingo 3 ás 18.00 horas) a estrea do espectáculo 30.000, a cargo da compañía Pisando Ovos en coprodución co Centro Coreográfico Galego (CCG), unidade de danza do IGAEM. A peza, interpretada por David Loira e Rut Balbís con dirección artística de Damián Muñoz, propón, por medio da nova danza contemporánea galega, unha reflexión sobre o papel do diñeiro na sociedade actual.
Con esta montaxe materialízase a segunda coprodución do CCG para a presente temporada escénica 2006-2007, co que se dota de continuidade á nova liña de colaboración cos profesionais de danza galegos, iniciada coa anterior estrea do espectáculo Arte a escena da compañía ExperimentaDanza.

Nesta ocasión, Pisando Ovos dispuxo, para a realización do seu proxecto, dun modelo particularizado de achega de recursos que garantiu en cada momento a cobertura das necesidades dos creadores. A cooperación co CCG desenvolveuse durante toda a xénese do espectáculo, mediante a posta a disposición de locais de ensaio, materiais, asesoramento no plan de produción, etc., o que permitiu á compañía afondar no seus propios estilo e linguaxe, ao tempo que se daba forma a unha nova proposta artística.

30.000 é, pois, o resultado de 9 meses de traballo, investigación, formación e procura de novos camiños na danza contemporánea, que convida a unha reflexión sobre o papel do diñeiro na sociedade actual e das relacións entre os cartos e as persoas.

DANZA EN ESTADO PURO

Ademais da colaboración de Damián Muñoz -recoñecido coreógrafo e bailarín vasco afincado en Barcelona-, outras achegas artísticas, entre as que destaca a iluminación de Afonso Castro, concorren na posta en escena dunha hora de danza en estado puro, ao servizo do total protagonismo da calidade técnica e artística dos bailaríns galegos.

Pisando Ovos foi fundada por Rut Balbís e David Loira, ambos licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, á volta dos seus estudos na London Contemporany Dance School de Londres.

Dende entón a súa presenza é habitual nos principais festivais de danza de Galiza, como o Festival Urbán de A Coruña, o Festival Isto Ferve de Vigo ou o En pé de Pedra de Santiago de Compostela; e en importantes festivais do resto de España como o Festival de Dansa de Valencia, o Mes de Danza de Sevilla, o Cádiz en Danza ou o Escena Contemporánea de Madrid. O pasado ano foi a compañía seleccionada en primeiro lugar para a Rede de Teatros Alternativos de España.

Recentemente actuaron en Akra, capital de Ghana, convidados pola embaixada española no país africano.