OFRECE 855 CONCERTOS DE TODOS OS ESTILOS EN 2007

A RGMV mantén aberto até o 3 de agosto o prazo de inscrición de grupos para a programación de 2008

[13/07/2007]
A Rede Galega de Música ao Vivo mantén aberto até o vindeiro 3 de agosto o prazo de inscrición de grupos e solistas de todos os estilos para configurar a súa programación de 2008. A Consellaría de Cultura e Deporte e a asociación Clubtura promoven este circuíto no que participan 46 salas de toda Galiza e a través do que se ofrece ao sector musical unha estrutura sistematizada de distribución de concertos.
Para realizar este trámite, as formacións interesadas deben darse de alta a través da páxina web http://www.galescena.info/musicavivo/, onde tamén poden inscribirse até o 15 de xullo as salas interesadas en incorporarse á RGMV. Unha vez rematados estes procesos, os locais participantes elaborarán as súas propostas de programación para todo o ano 2008, agás os meses de xullo e agosto.

CONTRATACIÓN

Cada sala deberá contratar un mínimo de 8 grupos para configurar esta proposta, na que cando menos un 75% debe corresponder a formacións galegas. Así mesmo, para que un grupo ou solista sexa contratado necesita ter pechado un mínimo de 6 concertos anuais dentro da programación global.

A Rede Galega de Música ao Vivo botou a andar en febreiro de 2007 co obxectivo de consolidarse como un circuíto estábel de distribución musical que serva, ao tempo, de plataforma de promoción para os intérpretes e contribúa a optimizar a súa presenza en toda Galiza. Así, durante este primeiro ano de actividade, a RGMV ten previsto ofrecer 855 concertos de todos os estilos en 46 salas das catro provincias.

O circuíto pechou o primeiro semestre do ano cun balance de 560 actuacións protagonizadas por 71 grupos e solistas. No mes de setembro volverá a actividade á RGMV, con outros 295 concertos até finais de ano en 45 salas e a cargo de 70 formacións.