O PRAZO REMATA O VINDEIRO 3 DE AGOSTO

Últimos días para a inscrición de grupos na Rede Galega de Música ao Vivo

[26/07/2008]
Os grupos e solistas de todos os estilos interesados en formar parte da programación de 2008 da Rede Galega de Música ao Vivo teñen de prazo até o vindeiro 3 de agosto para formalizar a súa inscrición. Para realizar este trámite, as formacións deben darse de alta a través da páxina web www.galescena.info. O IGAEM e a asociación Clubtura promoven este circuíto no que participan 46 salas de toda Galiza e a través do que se ofrece ao sector musical unha estrutura sistematizada de distribución de concertos.
Unha vez rematado o proceso de inscrición, os locais participantes elaborarán as súas propostas de programación para todo o ano 2008, agás os meses de xullo e agosto. Cada sala deberá contratar un mínimo de 8 grupos para configurar esta proposta, na que cando menos un 75% debe corresponder a formacións galegas. Así mesmo, para que un grupo ou solista sexa contratado necesita ter pechado un mínimo de 6 concertos anuais dentro da programación global.

A Rede Galega de Música ao Vivo botou a andar en febreiro de 2007 co obxectivo de consolidarse como un circuíto estábel de distribución musical que serva, ao tempo, de plataforma de promoción para os intérpretes e contribúa a optimizar a súa presenza en toda Galiza. Así, durante este primeiro ano de actividade, a RGMV ten previsto ofrecer 855 concertos de todos os estilos en 46 salas das catro provincias.

O circuíto pechou o primeiro semestre do ano cun balance de 560 actuacións protagonizadas por 71 grupos e solistas. No mes de setembro volverá a actividade á RGMV, con outros 295 concertos até finais de ano en 45 salas e a cargo de 70 formacións.