A Xunta celebra o Día da Danza coa convocatoria dun novo ciclo que levará esta arte a espazos singulares dunha trintena de concellos

  ‘Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio’ porá en valora riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a través dun programa de artes do movemento

  A iniciativa está destinada a compañías profesionais de danza con sede en Galicia

A Xunta celebra o Día da Danza coa convocatoria dun novo ciclo que levará esta arte a espazos singulares dunha trintena de concellos
[29/04/2021]
A Xunta de Galicia súmase á celebración do Día Internacional da Danza, hoxe 29 de abril, co lanzamento do novo programa Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio, a prol da posta en valor da riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a través das artes do movemento. A páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica a convocatoria desta iniciativa para compoñer un novo ciclo a cargo de artistas que amosarán as súas pezas en espazos naturais ou arquitectónicos dunha trintena de concellos das catro provincias e no marco da programación do Xacobeo 21-22.

A través deste novo programa seleccionaranse montaxes de danza para ser interpretadas ao aire libre, cunha duración mínima cada unha de 10 minutos, producidas por compañías profesionais galegas e con sede en Galicia. Cada proxecto  elixido recibirá unha achega económica da Xunta de ata 15.000 euros.
 
O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver esta arte escénica, mediante a mestura da danza co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros. A previsión é que os espectáculos, conformados por unha combinación de dúas ou tres pezas de distintas compañías, se desenvolvan nunha trintena de localidades das catro provincias ao longo dos meses de xullo e agosto.
 
Deste xeito, Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio permitirá levar a danza a concellos do rural onde esta disciplina artística non adoita formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que contribúe á promoción turística de lugares de interese.

Fomento da creación contemporánea
Ademais, o programa busca servir de estímulo e fomentar a creación contemporánea de danza e Galicia e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona.
 
Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio únese así a programación de danza que xa presentan outros circuítos culturais da Xunta, tales como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Salas, Cultura no Camiño ou Danza 3 e a outras liñas de protección específica para esta arte, tales como a posta en marcha da elaboración do Plan Integral para a Danza de Galicia, as especiais condicións de acceso ás subvencións anuais á creación escénica, ou o programa de coproducións do Centro Coreográfico Galego.
 
A inscrición de compañías de danza interesadas en participar en Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio está xa aberta en liña a partir de hoxe e ata o 12 maio.

-Convocatoria e formulario de inscrición