A Xunta convoca as subvenciˇns a festivais de m˙sica e de artes escÚnicas cun orzamento de 540.000 euros

   Retómase a modalidade dirixida aos eventos musicais, despois de que o ano pasado fora substituída por outros apoios ao sector debido ás cancelacións por mor da pandemia

  A de artes escénicas incrementa nun 5% o seu orzamento e mellora a valoración da presenza de compañías galegas como xeito de apoio aos nosos profesionais

A Xunta convoca as subvenciˇns a festivais de m˙sica e de artes escÚnicas cun orzamento de 540.000 euros
[29/04/2021]
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as novas bases das subvencións a festivais profesionais de música e de artes escénicas cunha dotación de 540.000 euros dedicados ao apoio a estes eventos, considerados estratéxicos nos seus ámbitos e no marco dun contexto sanitario que continúa a condicionar a súa organización. No caso específico dos encontros musicais, aos que se destinan 340.000 euros, retómase a súa convocatoria despois de que o ano pasado fose suplida por outras vías de apoio ao sector ante a maioritaria cancelación ou adaptación dos seus formatos habituais. Pola súa banda, a modalidade de artes escénicas, que si se convocou en 2020, experimenta agora un incremento orzamentario do 5% para situarse nos 200.000 euros. 

As bases deste ano introducen modificacións para se adaptar á situación derivada da covid-19 e que se insiren no paquete de medidas do vixente Plan de reactivación cultural posto en marcha pola Xunta e que este ano viu incrementado o seu orzamento en 23 millóns de euros. A través del, búscase contribuír á recuperación da actividade e preservar o emprego no conxunto do sector, tanto desde o punto de vista artístico como técnico. Tamén se pretende recuperar a confianza do público na asistencia aos espectáculos, garantindo a seguridade en teatros, auditorios e demais recintos, en cumprimento estrito das medidas sanitarias en vigor en cada momento.
 
Así, no caso dos festivais de música, entre os criterios artísticos a valorar terase en conta a memoria da edición inmediatamente anterior á primeira declaración do estado de alarma, de marzo de 2020, xunto coa súa traxectoria e evolución, así como o proxecto para o que se solicita a subvención. Esta poderá alcanzar un máximo do 40% do orzamento subvencionable. Ademais, como xeito de axilizar a achega de liquidez para a posta en marcha destes festivais e grazas á autorización específica adoptada polo Consello da Xunta, este ano introdúcese como novidade a exención de constituír garantía por parte das entidades adxudicatarias que soliciten anticipos da axuda concedida.
 
FEST Galicia
No caso da música, este apoio compleméntase co ofrecido a través da marca FEST Galicia, creada pola Xunta da man dunha decena de festivais que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegarlle valores engadidos á experiencia musical. En 2020 mantívose esta iniciativa como xeito de contribuír á organización de concertos en liña e de diferentes tipos de convocatorias presenciais de formato reducido, a través das que se conservou o vínculo co público malia as restricións sanitarias que condicionaron a celebración dos eventos.
 
Protección da presenza artística galega
Polo que respecta aos festivais escénicos, mantéñense as novidades introducidas o ano pasado no sentido de impulsar a presenza de formacións galegas nos carteis, cuxo importe deben supoñer un mínimo do 60% do total destinado á contratación profesional artística e representar cando menos o 50% da programación. Ademais, o orzamento subvencionable destes festivais a través da convocatoria da Xunta é do 70%, porcentaxe que se eleva ata o 85% no caso de solicitudes conxuntas de entidades locais ou de entidades resultantes de fusión.
 
Poden optar a esta convocatoria persoas físicas ou xurídicas privadas e administracións locais organizadoras de festivais que se celebren entre o 1 de novembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021, que conten cunha traxectoria anterior de polo menos dúas edicións e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos, entre outros requisitos. O prazo de presentación comeza mañá e manterase aberto ata o 31 de maio.

[Na imaxe, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas 2020. Foto: Prolight] 

-
Convocatoria publicada no DOG