A Xunta colabora coa Federación de Cineclubs para achegarlles programacións cinematográficas a 13 localidades galegas

  O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Feciga, Manuel Precedo, asinaron hoxe un convenio

A Xunta colabora coa Federación de Cineclubs para achegarlles programacións cinematográficas a 13 localidades galegas
[06/05/2021]

Os 13 espazos integrados na Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) teñen garantida a realización da súa programación cinematográfica durante este ano, tal como se recolle no convenio de colaboración que foi asinado hoxe entre o Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da entidade, Manuel Precedo.

 


A Xunta renova así o seu compromiso con esta asociación sociocultural independente sen ánimo de lucro, que traballa desde 1984 a prol da cultura cinematográfica en xeral e, particularmente, na defensa e apoio do cine galego de xeito alternativo á exhibición comercial.

Segundo se recolle no documento rubricado, a oferta de 2021 articularase en función da evolución da pandemia sanitaria arredor de 12 ciclos e sete semanas de cine que terán lugar nos cineclubs Pontevedra, Lumière de Vigo, Adega de Vilagarcía de Arousa, Cangas, Poleiro de Goián, Bueu, Padre Feijoo de Ourense, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Lanterna de Viana do Bolo, Valle-Inclán de Lugo, Val Miñor e Os Papeiros de Chantada.

A achega económica da Xunta á programación impulsada pola Feciga posibilitará o deseño de carteleiras organizadas ao redor de temáticas concretas ou con carácter temporal para manter un programa estable e de calidade nos cineclubs galegos, ao tempo que se contribúe á difusión e de creación de públicos para o cinema.

A este apoio, que se canaliza a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), súmase a colaboración que desde a Filmoteca de Galicia tamén se lles presta a catro destas pantallas, as situadas en Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, que reciben desta entidade unha selección de títulos proxectados en cada temporada.