A Xunta e a Fundaciˇn Paideia colaboran nunha nova ediciˇn do concurso de bandas emerxentes 'Sonidos Mans'

  Os grupos gañadores do certame terán a oportunidade de gravar nos Estudios Mans da Coruña e de tocar no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove

  A iniciativa forma parte do acordo asinado coa Agadic, que abrangue tamén o ciclo de xornadas sobre industrias musicais

A Xunta e a Fundaciˇn Paideia colaboran nunha nova ediciˇn do concurso de bandas emerxentes 'Sonidos Mans'
[07/05/2021]

A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia colaboran nunha nova edición do concurso para músicos e bandas emerxentes Sonidos Mans, que abriu hoxe a súa convocatoria. Trátase dunha iniciativa dirixida a artistas e grupos españois que non editasen nin distribuísen de xeito comercial, co obxectivo de facilitar a difusión do seu traballo coa súa inclusión na programación de espazos ou eventos musicais, ademais de gravar nos Estudios Mans. Este ano, ao igual que en 2020, as bandas gañadoras terán a oportunidade de tocar no Náutico de San Vicente do Mar, no Grove.


Para participar no certame cómpre presentar un tema orixinal e inédito en letra e música a través da web www.sonidosmans.com ata as 12,00h. do 27 de maio. Varios profesionais de recoñecido prestixio no sector musical seleccionarán os 25 mellores de entre todos os presentados. Deles, os cinco coa puntuación máis alta entrarán directamente na fase final e os 20 restantes serán sometidos á votación popular. A continuación, un xurado designado polos espazos ou eventos colaboradores designará os catro gañadores, que se darán a coñecer en xuño.

A elección do Náutico de San Vicente do Mar como emprazamento para as actuacións musicais das bandas gañadoras responde á incerteza xerada pola pandemia da covid-19. O contexto derivado da crise sanitaria levou xa en 2020 a apostar por espazos con cabida reducida fronte á participación nos mellores festivais musicais de ámbito galego, como se facía anteriormente. A pesar deste cambio de concepto, o pasado ano Sonidos Mans acadou un récord de inscricións, cun total de 375 bandas de todo o Estado.

Xornadas de industrias musicais
O concurso forma parte do acordo asinado entre a Fundación Paideia Galiza e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), que abrangue tamén o ciclo de xornadas de industrias musicais Amplificando o directo: novos escenarios na contorna musical. Despois da celebración de encontros no Salón Teatro e na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, os pasados meses de marzo e abril, o ciclo péchase mañá no Náutico de San Vicente do Grove.

Nesta derradeira xornada, que será presentada polo director da Agadic, Jacobo Sutil, intervirán a manager Rosa Lagarrigue e a experta en medios de comunicación e radiofórmula Sandra Rotondo. Ambas analizarán o desenvolvemento do talento no escenario dixital. Patricia Hermida, CEO en dotbeat! moderará o debate, que se pechará cunha actuación en vivo a cargo de Catuxa Salom.