┴rtika, Teatro Ensalle, Gurug˙ e Teatro del Andamio reciben as axudas da Xunta ao funcionamento das salas escÚnicas

  Estes espazos de titularidade privada situados en Vigo e A Coruña resultaron adxudicatarios da liña de subvencións destinada a impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional

  O orzamento total ascende a 150.000 euros para gastos vinculados cos espectáculos

┴rtika, Teatro Ensalle, Gurug˙ e Teatro del Andamio reciben as axudas da Xunta ao funcionamento das salas escÚnicas
[11/05/2021]
Os espazos vigueses Ártika e Teatro Ensalle, xunto cos coruñeses Gurugú Producciones e Teatro del Andamio, resultaron adxudicatarios, un ano máis, das axudas da Xunta ao funcionamento das salas escénicas privadas, segundo a resolución publicada hoxe na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O Goberno galego destina un orzamento total de 150.000 euros a esta convocatoria, consensuada co sector para impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional e a consolidación destes recintos como xeradores dunha destacada actividade arredor das artes escénicas.

Segundo a resolución publicada, a sala Ártika é a que leva a maior achega, con 55.393 euros, seguida de Teatro Ensalle, con 49.663. Pola súa banda, Gurugú Producciones recibirá 21.539 euros e Teatro del Andamio, 23.403. A contía máxima establecida para os proxectos é de 60.000 euros, sen que poida superar o 75% do orzamento do proxecto presentado. Estes espazos xa resultaron adxudicatarios na pasada edición.
 
As salas deben destinar as axudas a cubrir os gastos vinculados coa programación, como remuneracións por espectáculo, servizos asociados, dereitos de autor, difusión e publicidade. Tamén poden incluír os derivados das representacións en liña que se desenvolvan no propio espazo. Así mesmo, se consideran subvencionables os gastos relacionados coa contratación de persoal para o proxecto e o 10% dos custos indirectos, como alugueiros, subministracións e gastos correntes, entre outros.
 
Para a concesión das axudas, creouse unha comisión de avaliación que tivo en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a pertenza á Rede Galega de Salas o ano pasado. O proxecto presentado, con aspectos como o número de funcións ou a programación de compañías galegas, foron outras cuestións valoradas, así como o plan de comunicación e xestión de públicos, os recursos humanos implicados, a viabilidade económica e a porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento.

[Na imaxe, graderío de butacas da Sala Ártika] 

-Resolución pública de adxudicación