A Xunta ofrece 40 actuacións escénicas na área da Coruña ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  Arranca o segundo semestre deste circuíto cultural organizado en colaboración cos concellos

  A programación global de agosto a decembro inclúe 209 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 36 localidades de toda Galicia

A Xunta ofrece 40 actuacións escénicas na área da Coruña ata final de ano a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[16/07/2021]
A Xunta ofrece ata final de ano 40 actuacións escénicas na área da Coruña a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, das que 22 terán lugar no concello da Coruña, sete no de Betanzos, cinco en Oleiros e tres tanto en Sada coma en Arteixo. A programación do segundo semestre deste circuíto cultural, organizado en colaboración cos concellos, arranca xa esta fin de semana na contorna da cidade herculina.

Así, mañá sábado Betanzos acolle os concertos de Valentín Caamaño Quartet e, o domingo, o de Dixie Kings. As actuacións terán lugar na Praza da Constitución ás 21,30 h. En agosto será a quenda de Paio e o poder da música, de Oviravai, que estará na Praza dos Irmáns García Naveira. Pola súa banda, en outubro Os Náufragos representarán Pura, e, en novembro, Teatro do Atlántico, Libre coma os paxaros. En decembro haberá dous espectáculos, , de Xampatito Pato, e Semente. O home que plantaba árbores, de Eme2 emocion&arte. Estas últimas funcións terán lugar na Aula Municipal de Cultura.
 
O seguinte concello da área coruñesa que retoma a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios é Sada, cun concerto de Gramola Yé Yé o día 16 de agosto na Praza Irmáns Suárez Picallo ou da Terraza. Xa en decembro, na Casa da Cultura Pintor Lloréns exhibiranse Carabela, de Galeatro Producións Escénicas, e O apalpador conta con vós, de Caxoto-A Trastenda dos Contos.
 
A programación comeza na Coruña con maxia
Pola súa banda, A Coruña ofrece a primeira das actuacións previstas o 4 de setembro no Forum Metropolitano, con La Maga, de Abarajar Producciones, quen repetirá escenario o día 11 con El gran Braulio, e o 25 de setembro, con Un sibarita con varita. O Teatro Rosalía Castro e Ágora acollerán tamén representacións dos 22 espectáculos previstos na cidade ata o 28 de decembro. Neles inclúese máis maxia, co Mago Rafa e a súa Nova maxialidade; danza, con Emigrantas, de Kirenia Danza, e Habitados, de Experimentadanza; música, con Mercedes Peón e Musicalmente; e novo circo, con Drop de Pistacatro Productora de Soños.
 
Canto ao teatro, en setembro representarase unha dobre función de Cigarreiras, de Contraproducións. En outubro será a quenda de The Witch. Un espectáculo ritual, de Diana Sieira, e de Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, de Olivas Negras. Teatro do Atlántico chegará á Coruña en novembro con Libre coma os paxaros.
 
Decembro será o mes máis intenso nas representacións desta arte escénica, cunha dobre función de Nevermore, de Chévere Producciones, con Conexión Pingüín, de Culturactiva e con Othello, de Voadora. A estas pezas súmanselles Don gaiferos, de Os monicreques de Kukas, Brancaneves e os 7, de Larei Lara, Historias para unha man, de Mircromina, e Dona Barriga Verde, de Larraitz Produccións Artísticas.
 
Oleiros e Arteixo
Oleiros arranca tamén a programación deste segundo semestre en setembro, con Joejufi, The hunter, de Tirabeque Ka’avo, o día 25. En Outubro chegarán Estrela do día, de Producións Teatráis Excéntricas, e Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico. O mozo da última fila, de Redrum Teatro, e Bailar agora, de Marta Alonso Tejada, previstos para novembro, completan o calendario. Todas as atuacións terán lugar no Auditorio Gabriel García Márquez.
 
Finalmente, Arteixo ofrecerá tres funcións no último trimestre do ano. No Auditorio do Centro Cívico e Cultural deste concello representarase A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro, o 12 de novembro; Porvenir, de Impromadrid Teatro, o 19 dese mesmo mes; eFariña, de Ainé Producións, o 3 de decembro.
 
Máis de 200 actuacións en 36 concellos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios encara o segundo semestre do curso con 209 actuacións de teatro, danza, música, novo circo e maxia que chegarán a 36 concellos de toda Galicia. Deste xeito e pese aos adiamentos e suspensións polo peche sanitario de primeiros de ano, serán máis de 500 as funcións desenvolvidas durante 2021 no seo deste circuíto cultural cofinanciado pola Xunta e as preto de 40 entidades locais asociadas, para o que se conta cun orzamento global superior aos 1,6 millóns de euros.
 
Este segundo período de programación implicará a contratación de preto de 100 formacións artísticas profesionais de moi diferentes xéneros e estilos. Moitas delas chegan a esta carteleira a raíz da súa asistencia á última edición do mercado Galicia Escena PRO, organizado conxuntamente pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a asociación Escena Galega e na que estiveron acreditados, así mesmo, os responsables dos principais de teatros, auditorios, salas e festivais escénicos galegos.
 
Ademais das actuacións deste circuíto, pioneiro en Galicia no ámbito da exhibición de espectáculos de xeito profesional e coordinado, durante o período estival a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura e da programación especial do Xacobeo 21-22.

[Na imaxe, Dixie Kings]