Román Rodríguez salienta que o momento do audiovisual galego aínda non tocou teito na súa visita á rodaxe da serie 'Operación marea negra'

  O conselleiro asistiu á gravación de diferentes escenas, dirixidas por Daniel Calparsoro e a cargo dos actores Álex González, David Trejos e Leandro Firmino

  O novo proxecto de Ficción Producciones e Ukbar Filmes, en colaboración con Amazon Prime Video, e apoiado pola Xunta de Galicia inspírase na historia do narcosubmarino interceptado nas costas galegas

  Salienta o apoio do Goberno autonómico ao sector audiovisual cun investimento global que este ano supera os 4,5M€ en numerosas liñas

Román Rodríguez salienta que o momento do audiovisual galego aínda non tocou teito na súa visita á rodaxe da serie 'Operación marea negra'
[18/07/2021]
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou na sede de Ficción Producciones a rodaxe da serie Operación Marea Negra, que está a realizar a produtora galega xunto coa portuguesa Ukbar Filmes e coa colaboración de Amazon Prime Video. O proxecto, apoiado pola Xunta de Galicia con máis de 250.000 euros a través da convocatoria de subvencións á produción audiovisual, está inspirado na historia real do narcosubmarino interceptado nas costas galegas en 2019. 

Na súa visita, o conselleiro salientou que o gran momento do audiovisual “aínda non tocou teito” e puxo en valor o apoio que o Goberno autonómico realiza de xeito continuado a esta industria cun investimento global que este ano supera os 4,5M€ para axudar á produción e coprodución, premiar o talento, impulsar a actividade nas salas de cinema ou a posta en marcha de festivais, entre outras.
                                                      
O responsable de Cultura do Goberno galego, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, coñeceu o desenvolvemento da serie da man do director Daniel Calparsoro e dos produtores Julio Casal e Mamen Quintas. Ademais, asistiu á gravación de diferentes escenas, desenvolvidas na réplica do interior do somerxible polos actores Álex González, David Trejos e Leandro Firmino. Xunto a eles, compoñen o elenco desta produción Nerea Barros, Luís Zahera, Manuel Manquiña, Xosé Barato, Lúcia Moniz e Nuno Lopes, entre outros.
 
A rodaxe da serie arrincou o pasado 7 de xullo e prolongarase ata setembro. Tras varias sesións na sede da produtora, o equipo trasladarase a diversos puntos de Galicia, como Corrubedo, Palmeira ou Aguiño, en Ribeira, A Illa de Arousa ou Santiago de Compostela, así como a Portugal.
 
Coprodución española e portuguesa
Operación Marea Negraé unha coprodución española e portuguesa de catro capítulos de 50 minutos de duración dirixida por Daniel Calparsoro, Óskar Santos e João Maia. Con guión de Patxi Amezcua e Natxo López, ambiéntase en 2019, cando un somerxible de construción artesanal atravesa o Atlántico cunha carga de máis de tres toneladas de cocaína. No seu interior, tres homes, co mozo galego Nando á fronte, sobreviven ata seren interceptados pola Garda Civil.
 
Con este proxecto, Ficción Producciones repite colaboración con Amazon Prime despois de 3Caminos, a serie estreada o pasado xaneiro e na que a Xunta investiu 1,5M€ no marco dunha convocatoria específica da Xunta para obras audiovisuais que difundisen os valores do Camiño de Santiago e a imaxe de Galicia de cara ao Xacobeo 21-22.