ESTE VENRES CELÉBRASE A FUNCIÓN DO ESPECTÁCULO DIRIXIDO POR DANI SALGADO A PARTIR DO PROXECTO DE ESCRITA CONXUNTA DE JACOBO PAZ, VANESA SOTELO E RUBÉN RUIBAL

O Auditorio de Vilagarcía acolle "Estigma", última proposta do CDG

[25/06/2008]
O Auditorio Muncipal de Vilagarcía acolle este venres día 27 ás 21.00 horas a posta en escena de Estigma, espectáculo resultado do proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego (CDG) DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática.
Con Estigma, o CDG culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada 2007-2008 e faino coa aposta por un espectáculo en clave de suspense no que participan creadores e intérpretes novos, pertencentes na súa meirande parte á xeración dos 70 e incorporados ao sistema teatral galego.

Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asume tamén a dirección escénica de Estigma, en tanto que Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral. Outros membros do equipo artístico que traballan na montaxe do espectáculo son Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) ou Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).

Morte, terra e memoria

Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta narrada en clave de suspense, un xénero pouco colleitado no ámbito do teatro. A obra, que contén imaxes poderosas, traslada un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano.

Cada un dos dramaturgos escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que o obra contén tres visións diferentes segundo a mirada de cada autor, aínda que coherentes.

A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns afrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.

Venda de entradas

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Auditorio o propio venres 27 de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 21.00 horas. O prezo das localidades é de 7 euros (zona A), 9 euros (zona B) e de 11 euros (zona C).

O CDG prosegue en Vilagarcía a xira galega con este espectáculo que se prolongará até o mes de xullo e durante a cal será escenificado ademais no Teatro Colón da Coruña (2 e 3 de xullo) e na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (20 de xullo).