ESTE SEGUNDO VOLUME DA SERIE RECOLLE OS MOMENTOS CLAVES NA PREPARACIÓN DA PRODUCIÓN QUE O CCG PRESENTOU ESTE ANO EN 16 ESCENARIOS DENTRO E FÓRA DE GALICIA

O Centro Coreográfico edita o caderno de creación de 'Kiosco das almas perdidas' dentro da colección Bitácora

[25/08/2008]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) acaba de publicar o segundo volume da súa colección editorial Bitácora que, baixo o título Kiosco das almas perdidas, ofrece un percorrido eminentemente gráfico polos momentos claves na produción deste espectáculo, que a entidade da Consellaría de Cultura presentou no primeiro semestre deste ano no marco da súa segunda temporada de existencia.
A modo de caderno de creación, o libro recolle, entre outro material, máis dun cento de imaxes dos ensaios e das primeiras funcións da peza que dirixiu o coreógrafo catalán Roberto Oliván, así como bosquexos dos figurinos e das videoanimacións, planos de iluminación e partituras manuscritas da composición musical de Mercerdes Peón, que a recente Premio Nacional da Cultura Galega interpretou en directo nas 29 funcións de Kiosco das almas perdidas que o CCG ofreceu este ano en 16 escenarios dentro e fóra de Galicia.

Percorrido artístico e emocional

Cada un dos apartados nos que se divide a publicación están introducidos polos textos realizados por Erick Jiménez, axudante de dirección e responsable do concepto xeral deste caderno; Roberto Magro "Tober", encargado da dramaturxia; Mercedes Peón e os 11 bailaríns e bailarinas do espectáculo, a través dos que se afonda nos principais aspectos artísticos e emocionais do proceso de creación. Víctor Rivera Jove é o autor das imaxes, mentres que outros dos colaboradores artísticos da montaxe que tamén fan a súa achega a esta edición son Ruth D. Pereira (deseño de vestiario), Baltasar Patiño (iluminación) e Muriel Félix (videanimación).

Son un total de 132 páxinas as que conforman este segundo número de Bitácora, que mantén ademais o coidado deseño de Vacuo, o título inaugural desta colección de periodicidade anual que pretende chegar tanto ao público xeral como ao implicado dalgún xeito no mundo da danza.