A PRODUCIÓN DE MATARILE TEATRO CON DIRECCIÓN DE ANA VALLÉS REPRESÉNTASE DO 25 AO 28 DE SETEMBRO

A estrea galega de "Animales artificiales" abre o ciclo de Outono do Salón Teatro

[24/09/2008]
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle mañá a estrea en Galicia da última produción de Matarile Teatro, Animales artificiales . O espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) abre así o ciclo de Outono da programación deseñada para a temporada 2008-2009 con catro funcións deste espectáculo (os días 25, 26 e 27 ás 20.30 horas e o domingo 28, ás 18.00) como mostra inicial do seu apoio á exhibición das propostas escénicas realizadas por compañías galegas, protagonistas do primeiro período de carteleira que se estende até finais de decembro.
Creado e dirixido por Ana Vallés, Animales artificiales , cuxa estrea absoluta tivo lugar no pasado mes de febreiro no Festival de Teatro de Málaga -entidade que participou na súa produción xunto ao antigo IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) e o Teatro Fernán Gómez-Centro de Arte de Madrid- vén de realilzar unha exitosa xira por escenarios de Murcia, Castela-León, Castela-A Mancha, Madrid e Portugal.

A montaxe, que carece de estrutura narrativa, xira arredor da empatía e do equilibrio entre o instinto animal que toda persoa leva dentro e o mundo artificial e normalizado no que lle toca vivir. Tamén ofrece unha completa radiografía sobre o natureza humana, sobre a capacidade para escoller o que queremos ver e sobre a transformación da nosa imaxe dentro da paisaxe inventada para convivir. Para explicar o argumento da súa última creación, Ana Vallés utiliza palabras que o premio Nobel surafricano J. M. Coetzee escribiu no seu libro Elizabeth Costello: "Hai xente que ten a capacidade de imaxinarse como outra persoa e hai xente que non a ten (cando esa carencia é extrema, chamámolos psicópatas). E hai xente que ten esa capacidade pero decide non poñela en práctica".

Elenco heteroxéneo

O espectáculo é posto en escena por un elenco heteroxéneo integrado por un músico que toca a tuba, Hugo Portas (Galicia), un contratenor Ramón Vázquez (Galicia) e sete actores/actrices e bailaríns/inas: Helen Bertels (Alemaña), José Campanari (Argentina), Mónica García (Asturias), Mauricio González (Canarias), Iván Marcos (Galicia), Ricardo Santana (Madrid) e a propia Ana Vallés (Galicia). Como xa vén sendo habitual nas montaxes da compañía compostelá, Nuria Sanz exerceu como axudante de dirección e Baltasar Patiño asina a iluminación, a escenografía e a produción musical.

Matarile Teatro é un dos grupos de teatro galegos máis premiados e con maior proxección exterior, que desenvolve unha linguaxe propia, un teatro non baseado no texto literario que funde distintas linguaxes escénicas. Trátase dun teatro que se aparta dos personaxes para reflectir as persoas que somos e a vida que vivimos, un teatro da suxestión que comunica directamente co espectador por medio do movemento, a palabra, a ironía, a música, o humor e a complicidade. Desde a súa fundación no ano 1986, puxo en escena máis dunha vintena de obras, numerosas performances e colaborou con outras compañías. Ademais, presentou os seus espectáculos en Francia, Portugal, USA, Inglaterra, Iugoslavia, Italia e Alemaña.

Entre os recoñecementos recibidos polas súas montaxes atópanse o Premio do Público na Feira do Teatro de Galicia 2005 ao Mellor Espectáculo, Premio ao Espectáculo máis Orixinal e Innovador do XI Festival Internacional de Teatro e Artes de Rúa de Valladolid ou o Premio María Casares á Mellor Dirección do Teatro Galego.

Calendario de Outono

Despois das devanditas catro funcións, Animales artificiales participará na Feira Galega das Artes Escénicas, en tanto que o Salón Teatro proseguerá a súa actividade coa programación do espectáculo infantil Game over , da compañía Teatro Cachuzo (3 a 5 de outubro); a produción de Lagarta Lagarta Aeroplanos (9 a 12 de outubro); a estrea de A boa persoa de Sezuán , do CDG (24 a 26 de outubro e 26 de novembro a 14 de decembro), o proxecto de escena interactiva Nou I_D de Kónic Thtr (1 e 2 de novembro); o espectáculo El año de Ricardo , da compañía madrileña Atra Bilis (22 e 23 de novembro), a Teatro do Atlántico con Unha primavera para Aldara (do 18 ao 21 de decembro); e a Mostra de Teatro Infantil de Nadal (do 26 ao 30 de decembro), dentro da que se exhibirán cinco espectáculos: Babiliglub , de Galitoon; Diz que diz , dos portugueses Teatro do Frío; Ringorrango , de Pistacatro; La ciudad inventada , dos vascos Gorakada; e Cristovo e o libro das marabillas de Sarabela Teatro.

As entradas para as representacións de Animales artificiales poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado, cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xoven e maiores de 65 anos; e de 5 euros para o domingo, día do espectador. Igualmente, está xa a disposición do público o Bono de Outono, válido para adquirir catro localidades para asistir a outras tantas funcións do Salón Teatro, sempre que unha delas sexa da próxima produción do CDG A boa persoa de Sezuán, por un prezo total de 20 euros. O bono implica un aforro do 50% sobre o custo xeral e pódese adquirir unicamente na billeteira do teatro.