PARTICIPARON COMO RELATORES OS DIRECTORES ARTÍSTICOS DO TEATRO DE LA LABORAL DE XIXÓN, DO FESTIVAL ALT DE VIGO E DE TEATROS DE CÁDIZ

A integración das novas linguaxes escénicas nas programacións centrou o segundo debate da Feira

[21/10/2009]
A programación dos novos formatos escénicos centrou esta tarde o segundo dos debates celebrados no marco da XVII Feira Galega das Artes Escénicas, no que se puxeron en común diferentes fórmulas de integración das linguaxes máis contemporáneas e anovadoras nas carteleiras teatrais. Os directores artísticos do Teatro de la Laboral de Xixón, Mateo Feijóo; do Festival ALT de Vigo, Lola Correa, e dos Teatros de Cádiz, Pepe Vélez, participaron nesta mesa redonda, moderada por Arantza Villar, actriz dos grupos galegos Nut Teatro e Chévere.
Os relatores compartiron cos asistentes distintas experiencias que, neste sentido, desenvolven dende os seus respectivos centros de traballo, defendendo unha maior permeabilidade dos teatros aos proxectos desenvolvidos polos novos creadores e incidindo, asemade, na importancia dunha xestión de públicos diferenciada segundo o tipo de propostas que se programen.

Mañá, última xornada de funcións

A décimo sétima edición da Feira Galega das Artes Escénicas acolleu esta mesa redonda como actividade complementaria ao seu programa de exhibición, que culmina mañá cos últimos seis espectáculos en cartel: O Castelo da Rocha Vella, de Os Monicreques de Kukas xunto á Real Filharmonía de Galicia; Rúa Aire, de O Retrete de Dorian Gray; Atra Bile, de Teatro de Ningures; Palabras encadeadas, de Talía Teatro; O xogo de Yalta/Afterplay, de Teatro do Atlántico, e A Esmorga, de Sarabela Teatro.

Mañá celebrarase, así mesmo, o último dos showcases de danza, no que os integrantes da compañía Entremans Kirenia Martínez e Leodán Rodríguez interpretarán a peza A medio metro de lo vivido. A actividade comercial continuará ata o venres na zona de mercado instalada no Auditorio de Galicia, onde se poden visitar os stands de 16 asociacións e empresas escénicas galegas.