A ACTUACIÓN SERÁ NA MEDIANOITE DO SÁBADO E DE ACCESO LIBRE PARA O PÚBLICO

"Etheria, a viaxe soñada" do CCG pecha a Mostra de Teatro de Cangas cunha actuación na Praza das Pontes

[09/07/2010]
O Centro Coreográfico Galego (CCG) e o seu novo espectáculo Etheria, a viaxe soñada pecharán a vixésimo sétima edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico Festivo de Cangas cunha representación que terá lugar na noite do sábado 10 de xullo (00:30 horas) na Praza das Pontes. De acceso libre para o público, será a primeira función da compañía sobre un escenario exterior, para o que se levará a cabo unha adaptación especial da montaxe aínda que mantendo aos 21 artistas en escena -entre bailaríns e músicos- que contempla o formato orixinal.
Etheria, a viaxe soñada , con dirección de Mercedes Suárez, estreouse o pasado 3 de xullo no Teatro Rosalía da Coruña como cuarta produción propia da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo. A peza amosa unha particular visión do mundo das peregrinacións a través da recreación da historia da muller que puido ser a primeira peregrina galega.

Na súa posta en escena, combina a interpretación de 12 bailaríns e bailarinas de distintas procedencias xeográficas e disciplinas coas colaboracións artísticas de destacados profesionais galegos. Tal é o caso da música especialmente composta para a ocasión por Isaac Garabatos e executada en directo polos oito membros do grupo multiinstrumental ISGA Collective, a participación da vocalista Rosa Cedrón como artista invitada, así como o traballo de Antonio F. Simón nos deseños de escenografía e iluminación ou de Marcos Garabán no de vestiario.

Historia e actualidade

A montaxe parte, na súa xénese, dunha sólida base histórica, cargada de documentadas alusións a coñecidas figuras da antigüidade galega, o que non impide á súa directora e coreógrafa, Mercedes Suárez, introducir no seu desenvolvemento elementos anacrónicos, reivindicando así o espírito universal e atemporal das grandes viaxes ao longo da historia da humanidade e da mitoloxía. Todas estas viaxes teñen en común, na súa orixe, ser froito dunha chamada no interior das persoas, dunha necesidade espiritual que se satisfai a través do avance nun camiño.

Así, Mercedes Suárez é quen de deseñar unha peza audaz e dinámica pola súa capacidade de combinar, de xeito tan equilibrado como fluído, as representacións da historia milenaria con elementos da máis cotiá actualidade, a simboloxía clásica cos patróns máis contemporáneos.

O espectáculo

A bailarina Irene Rubio interpreta por medio da danza todas as dimensións de Etheria: a súa crenza no movemento priscilianista, a súa procedencia nobre, o seu forte carácter e a súa instruída formación. Todo o corpo de baile (que completan Ariel Caramés, Miguel Ángel Ponte, Elena Chamorro, Fátima Fernández, Beatriz Garrido, Ástrid Molinero, Lucía Antonella Sampieri, Pablo Aradillas, Juan Miguel Hernández, Pastor Rodríguez e Carlos Ugarriza) leva a cabo unha actuación que une plasticidade, precisión e sentimento en secuencias coreográficas de gran forza, tanto nas escenas corais coma nos pas de deux que se executan.

A montaxe audiovisual que se proxecta no fondo dun escenario -que aparece practicamente limpo para a súa total entrega ao baile- contribúe de xeito decisivo á construción da paisaxe de imaxes e localizacións que evoca o argumento e que traslada o espectador ás distintas latitudes xeográficas que visita Etheria.

A acción sitúase na viaxe de volta de Oriente Medio a Gallaecia da protagonista. Etheria sinte o impulso interior de emprender unha viaxe ao exterior, empurrada pola súa ousadía e polas súas convicións na fe e nas máximas de Prisciliano, personaxe que se adiviña na trama. Á vez, Prisciliano protéxea no seu periplo das tentacións terreais, sempre personificadas na figura simbólica do sátiro, coa que se fai un aceno ás relacións humanas establecidas na peregrinación e que transcenden o seu espírito relixioso.

Diante de Etheria ábrese no camiño un mundo descoñecido e heteroxéneo; do mesmo xeito que diante do público se materializa unha nova proposta coreográfica que suma á calidade da proposta artística a reprodución de motivacións actuais e universais.