A COREÓGRAFA, BAILARINA E DIRECTORA FOI SELECCIONADA Á VISTA DA SÓLIDA FORMACIÓN E AMPLA EXPERIENCIA QUE ACREDITA, TRAS UNHA EXHAUSTIVA ANÁLISE DE TODOS ASPIRANTES

O Consello de Dirección da Agadic nomea a Mercedes Suárez nova directora do Centro Coreográfico Galego

[05/08/2010]
O Consello de Dirección da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) resolveu o nomeamento da coreógrafa e directora Mercedes Suárez como nova directora do Centro Coreográfico Galego (CCG). Na reunión, que se desenvolveu na sala de xuntas da Consellería de Cultura e Turismo baixo a presidencia do conselleiro, Roberto Varela, acordouse a designación de Mercedes Suárez á vista da sólida formación e ampla experiencia acreditadas por esta coreógrafa, bailarina e directora.
O Consello de Dirección de Agadic considerou a Mercedes Suárez como a persoa que mellor se adecúa ao perfil necesario para o posto de Directora do Centro Coreográfico Galego, tras unha exhaustiva análise de todos os aspirantes, entre todas as propostas recibidas desde a publicación da convocatoria o 17 de xuño na páxina web de Agadic e nos taboleiros de anuncios.

O nomeamento axústase ao disposto na Lei 4/2008 do 23 de maio, de Creación da Agadic, no tocante a que todo o persoal directivo da entidade debe ser nomeado e removido polo Consello de Dirección, "atendendo a criterios de competencia profesional e experiencia entre persoas con titulación superior, mediante procedemento que garanta o respecto aos principios de mérito, capacidade, concorrencia e publicidade".

Formación e traxectoria profesional

Mercedes Suárez, nada na Agualada, no concello coruñés de Coristanco, é titulada superior en Danza polo Real Conservatorio de Danza de Madrid, e en Anatomía e Biomecánica aplicada á danza pola Universidade de Alcalá de Henares.

Inicia a súa formación artística a partir de 1968 con notables mestres de danza clásica e contemporánea en distintos lugares do mundo: con Carmen Ocaña, Emilia Ardanuy e Karen Taft, en Madrid; con Irina Grjvina en París; con Víctor Ullate, Emilio Altés e Mme. Periphanos, en Bruxelas; con Nina Virubova, en Girona; con Marica Besobrasova, en Mónaco; con José Parés, en Caracas; e con Valentina Gabanilova, en San Petersburgo. Nestes tres últimos destinos foi bolseira da Xunta de Galicia. Tamén estudou con Lidia Azzopardi e Vicente Sáez en Barcelona e con Carl Paris e Arnold Patersson en Madrid.

Como bailarina, Mercedes Suárez inicia a súa carreira en 1973 no Ballet Clásico de Madrid dirixido por Eva Borg. En 1976 trasládase ao Ballet de Versalles (Francia), como bailarina e axudante de coreografía. En 1981 funda na Coruña a Escola de Danza Druída e empeza a impartir clase de danza en centros como o Estudio de Danza Degas en Ferrol, onde tamén participa no Taller de Teatro do Concello; no Taller de Danza e no Taller de Teatro, na Coruña; ou no Ballet do Noroeste de Viana do Castelo (Portugal). Tamén exerce como xefa de estudos no Conservatorio Oficial de Danza de Lugo entre os anos 2003 e 2004.

Na faceta de coreógrafa, Mercedes Suárez ten unha ampla experiencia a nivel nacional e internacional. Algunhas das súas coreografías realizounas en espectáculos dirixidos por Eduardo Alonso: o musical Glass City, e as producións do Centro Dramático Galego O enfermo imaxinario e As alegres casadas. Participa, así mesmo, en producións de distintos formatos, como os vídeos e documentais de F. Villaverde Tacón e Ai amante; Lendas, de M. Abado, ou no vídeo promocional de Susana Seivane para TVE.

A súa actividade de creación coreográfica esténdese tamén a obras de ópera, como as representacións na Coruña de Fausto, Rigoletto e Dido e Eneas. Para a Orquestra Sinfónica de Galicia participou en fragmentos de O cascanoces e A Bela Durminte, de Tchaikovsky; Bolero, de M. Ravel; Julieta en sueños, de Juan Bara; e O Carnaval dos animais, de Saint Saens. Son salientables tamén os seus traballos nas entregas de premios da Agapi en 1996 e 1999, dos Mestre Mateo entre os anos 2002 e 2005, e nos Premios de Teatro María Casares. É coreógrafa da TVG desde 1992, e foino para TVE nas galas de verán de 2003.

Como directora da compañía Druída Danza, realiza desde 1988 a coreografía e dirección de múltiples representacións en Galicia: Drama de mulleres (1990), A Mari Gaila (1995), Fronda (1998), Cuore (1999), Metamorfosis de F. Kafka (2000), En espera (2001), Lúa amarga (2002), O calar do tempo (2003), A redeira (2004), 20 anos non é nada (2005), Verde transparente (2006) e ABC Danza (2007). Moitos destes espectáculos foron representados en escenarios de Portugal, Barcelona, Biscaia, París ou Bucarest.

Mercedes Suárez realizou tamén coa súa compañía diversas galas benéficas para organizacións non gobernamentais, como Manos Unidas (1995) e Ayuda en Acción (1998 e 1999), e participou en accións humanitarias como as Xornadas de Solidariedade co Sáhara (1996, 1997 e 1998). Algunhas das coreografías de Druída Danza foron interpretadas por distintas compañías, como Ballet do Noroeste (Viana do Castelo), Ballet de Cámara de Alicia Alonso (Madrid) e Ballet Nacional de Santo Domingo (República Dominicana). Mercedes Suárez foi galardoada con diferentes premios polo seu traballo como coreógrafa.

En 1990 recibe o do Certame de Teatro Ciudad de Lugo por Drama de mulleres. O certame Coreográfico de Galicia outórgalle o terceiro premio por O calar do tempo en 2004 e a mención especial por O anxo exterminador en 2005. En Portugal recibiu o primeiro premio no Certame de Viana do Castelo. Tamén foi premiada en Madrid no Maratón de Danza, onde participaron máis de 150 compañías de toda España. Entre os seus alumnos destacan nomes como Lucía Barbadillo (integrante da Compañía Nacional de Danza dirixida por Nacho Duato e, na actualidade, bailarina do Rambert Ballet en Inglaterra), Paula de Castro (primeira bailarina do Ballet da Ópera de Niza) e Miguel Ángel Ponte (bailarín convidado no Joven Ballet de Cámara de Alicia Alonso e no Ballet Nacional de Santo Domingo).

Mercedes Suárez é, ademais, a creadora e directora do espectáculo Etheria, a viaxe soñada, última produción do Centro Coreográfico Galego estreada o pasado 3 de xullo na Coruña e que nestes momentos se atopa en xira por diferentes escenarios galegos.