O CENTRO COREOGRÁFICO GALEGO DESENVOLVERÁ ENTRE OS DÍAS 26 E 30 UNHA MOSTRA DE DANZA NA QUE PARTICIPARÁ MÁIS DUNHA VINTENA DE FORMACIÓNS ARTÍSTICAS

O Salón Teatro ofrece durante abril unha carteleira cun total de 34 espectáculos escénicos e musicais

[01/04/2011]
Un total de 34 formacións escénicas e musicais actuarán durante o mes de abril no Salón Teatro de Santiago de Compostela, dentro da programación externa deseñada polo Centro Dramático Galego (CDG) para o trimestre final da temporada. Pese a que o escenario permanecerá pechado durante o período vacacional de Semana Santa, o Salón Teatro concentrará este mes unha intensa actividade, á que contribúen citas colectivas como a I Mostra de Danza de Galicia ou o Festival Internacional de Teatro Universitario, ademais das propostas teatrais das compañías Berrobambán, Santiago Cortegoso, Carlos Blanco-Abada Teatro, ou a música de jazz de Xacobe Martínez Antelo.
A carteleira mensual principia hoxe venres 1 e mañá sábado 2 con Pressing Catch, o último espectáculo da compañía compostelá Berrobambán. A montaxe dirixida por Quico Cadaval a partir dun texto de Paula Carballeira e coa propia autora xunto a Chiqui Pereira, Anabel Gago e Hugo Torres no elenco, ofrecerá estes dous pases ás 20:3O horas.

Día Internacional da Danza
Coincidindo co Día Internacional da Danza, data que se conmemora cada 29 de abril, o Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza por primeira vez un exhaustivo ciclo que exhibirá no Salón Teatro unha sucesión de máis de 20 pezas, cada unha delas duns 30 minutos de duración, levadas a cabo por unha ampla representación de compañías, intérpretes e creadores galegos.

A Mostra, que se desenvolverá do martes 26 ao sábado 30, ten como principal obxectivo amosar o dinamismo coreográfico de Galicia, poñendo en valor a artistas tanto emerxentes como xa consolidados que desenvolven aquí o seu traballo. Ademais das creacións apoiadas polo programa de Proxectos de Investigación Coreográfica, terán cabida outras pezas interpretadas por compañías profesionais, grupos de danza ou asociacións que empregan o baile como instrumento para a integración e a concienciación social. En cada xornada tamén haberá tempo para o intercambio de experiencias entre os creadores.

Entrecaixas, Lusco e Fusco, Helen Bertels-La Tía Mardalina, Traspediante, Eudanza, Amparo Novas, Branca Novoneyra, Dloira ou Experimentadanza son algunas das formacións que presentarán as súas últimas producións dentro da I Mostra de Danza de Galicia.

Teatro universitario
Do 4 ao 10 de abril o Salón Teatro prestará o seu escenario ao XVII Festival Internacional de Teatro Universitario (FITU). A Aula de Teatro da USC (Universidade de Santiago de Compostela), organizadora da mostra, será a encargada de abrir esta programación o luns 4 e o martes 5 coa representación de Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz, unha peza escrita por Roberto Salgueiro a partir do texto Los gatos de Agustín Gómez.

Ao día seguinte, a Compañía Teatral Banda Kurenai da Università degli Studi di Genova (Italia) escenificará Yo vivo, delirio para un actor e o xoves 7, a Escola Superior de Arte Dramático de Asturias fará o propio coa montaxe Tres sombreros de copa, de Miguel Mihura. Os portugueses Teatrubi tomarán o relevo o venres 8 con Sono dor-mente, unha adaptación libre do texto de Emma Santos O Teatro, e a compañía independente da USC Mequetrefes porá o colofón o sábado 9 coa súa creación colectiva In-comunicando (Exercicio que desencadea a turbación), baseada en textos de Gabriel Calderón e Sanchis Sinisterra. A entrada para todas estas funcións, que terán lugar ás 21.00 horas, será de balde, previo paso pola billeteira que permanecerá aberta desde as 18.30 horas.

En clave de humor
A programación continuará o luns 11 e o martes 12 coa presentación do novo espectáculo do monologuista Carlos Blanco en coprodución con Abada Teatro, Ordem e progresso (na imaxe, una montaxe promocional do espectáculo). A obra, que toma o seu nome do lema da bandeira brasileira, ofrece unha peculiar mirada sobre aquel país en clave de humor, acompañada pola música de Sergio Tannus Trío.

Días despois (16 e 17 de abril) será a quenda de A filla de Woody Allen, a obra coa que debutou a da compañía de Santiago Cortegoso. Marián Bañobre interpreta en solitario a unha ficticia filla galega do cineasta norteamericano, que emprende unha viaxe a Nova York na procura do seu pai, do que só sabe que toca o clarinete e lle envía agasallos de aniversario.

Volve ST Música Presente
En canto ao apartado musical, o mércores 13 celebrarase unha nova cita do programa ST Música Presente coa actuación do grupo Xacobe Martínez Antelo Cuarteto, que presentará en directo o seu último traballo discográfico Jazz from Galiza!! con composicións orixinais arranxadas expresamente para a ocasión.

As entradas para asistir a cada espectáculo (agás os incluídos no Festival Internacional de Teatro Universitario) poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do seu comezo. Tamén se poderán adquirir na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.sientelaunion.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados), e de 5 euros para as funcións do domingo, día do espectador.