CELÉBRASE EN SANTIAGO DENDE HOXE E ATA O VINDEIRO SÁBADO DÍA 30, CON PROGRAMACIÓN MATINAL NA PRAZA DE CERVANTES E DE TARDE NO SALÓN TEATRO

A I Mostra de Danza de Galicia ofrece máis de 20 horas de exhibición coa participación de 200 artistas

[26/04/2011]
Máis de 200 artistas danse cita dende hoxe en Santiago de Compostela para participar na primeira edición da Mostra de Danza de Galicia que, baixo a organización do Centro Coreográfico Galego (CCG), desenvolverá un intenso programa de exhibición ata o vindeiro sábado día 30. A actividade esténdese ao longo destas cinco xornadas con sesións matinais na praza de Cervantes e de tarde no Salón Teatro, ata completar un total de 37 actuacións a cargo de formacións galegas de moi diferentes estilos.
O CCG contribúe á celebración do Día Mundial da Danza, que se conmemora cada 29 de abril, con esta programación especial dirixida tanto ao público xeral como á quincena de xestores culturais que ten confirmada a súa asistencia ao evento. Serán máis de 20 horas de exhibición coreográfica durante as que as compañías participantes presentarán, a modo de showcases de entre 15 e 30 minutos de duración, unha mostra dos seus máis recentes traballos a través dos que se obterá unha ampla perspectiva da actualidade coreográfica galega.

Vertente profesional
A organización promoverá, así mesmo, o diálogo e intercambio entre todos os profesionais participantes e especialmente entre os responsables das compañías e os programadores e distribuidores convidados, habilitando no Salón Teatro un espazo específico para o desenvolvemento de reunións profesionais durante a celebración deste encontro.

No cartel desta I Mostra de Danza de Galicia hai lugar tanto para as compañías xa consolidadas como para as emerxentes ou incluso debutantes, ademais de para grupos de danza tradicional e para asociacións que empregan o baile como instrumento cara á integración e a concienciación social. Esta variada oferta trasládase igualmente aos estilos abordados en cada unha das pezas, que van dende a danza contemporánea ata as propostas multidisciplinares, pasando polo baile tradicional galego, o flamenco, o folclore árabe, o tango ou a danza renacentista, entre outros.

A programación dá comezo ás 12.30 horas de hoxe na praza de Cervantes coa posta en escena de Wir Frauen, creación de Helen Bertels producida por La Tía Mardalina, e de Tulipanes, de DLoira. En total, serán 10 as propostas que sairán ao encontro dos viandantes dende este céntrico espazo compostelán: xunto cos dous solos previstos para hoxe, Desmemoriada de Nuria Sotelo e Jugando con el arte de Experimentadanza o mércores 27, Bótoche unha man? de Catro no Metro o xoves 28, Territorio marcado de Fran Riveiro e Un vestido verde de Traspediante o venres 29, e Xacarandaina, Alxibeira e Encontros de Lusco e Fusco o sábado 30.

Investigación coreográfica
Con estes e outros títulos, as compañías Lusco e Fusco, Helen Bertels, Traspediante, DLoira, Experimentadanza e Nuria Sotelo presentaranse tamén no Salón Teatro, escenario que acollerá un total de 27 pezas, entre as que se atopan os oito traballos resultantes do programa de Proxectos de Investigación Coreográfica, posto en marcha a finais do ano pasado polo CCG: mañá día 27 exhibirase Fume de Ángela Blanco; o xoves 28, Danza Homo-Natura e Míranos de 5S, A terra sen mal danza de Quarks e Branco de Amparo Novas; o venres 29, Aneis de Branca Novoneyra e Orcheosographie, ou da conversa da música e da danza de Saor en Danza; e o sábado 30, A velocidade das cousas de Mónica García e No una explosión, un susurro de Diciembre Dance Group.

As propostas da Fundación IgualArte, a Asociación para a Integración do Neno Diminuído (AIND) e a compañía Eudanza do Centro O Pelouro, todas elas destinadas a subliñar a función social e integradora da danza, destacan así mesmo nunha programación que se completa cos showcases protagonizados por Entrecaixas, El Portsaidi, C-F Dance, Centro Coreográfico Galego, Compañía Tango-Danza, Bágoas Danza Contemporánea, El Taller, Contra2, BStudio e Entremans.

Entradas e abonos
As entradas para as sesións que se desenvolverán no Salón Teatro poden adquirirse no seu despacho de billetes, que permanecerá aberto durante a celebración da Mostra, ou a través da billeteira electrónica da web www.sientelaunion.es e do teléfono 902 43 44 43. O seu prezo é de 5 euros para cada unha das xornadas e de 20 euros no caso dos bonos para os cinco días. O acceso é libre no caso das dez actuacións que terán lugar na praza de Cervantes.