A Agadic apoia con 425.000 euros a produción de 21 novos espectáculos galegos de teatro e danza

  A escena galega recibirá outros 200.000 euros a través doutras tres modalidades da convocatoria de axudas ás industrias culturais: crédito-cultura, distribución e salas.

  A entidade da Consellería de Cultura publica hoxe a relación provisional de beneficiarios destas subvencións, dirixidas tamén ao resto de sectores culturais.

A Agadic apoia con 425.000 euros a produción de 21 novos espectáculos galegos de teatro e danza
[25/08/2011]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) destinará un total de 424.911 euros á produción de 21 novos espectáculos de teatro e de danza, a cargo doutras tantas compañías escénicas galegas, a través da súa convocatoria de subvencións ás industrias culturais 2011.

A entidade da Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe a través da súa páxina web a relación provisional de beneficiarios e contías concedidas ao abeiro desta liña de axudas, á espera da súa ratificación por parte do Consello de Dirección da Axencia.
 
De acordo con esta primeira adxudicación, a Agadic tamén distribuirá outros 384.190 euros –dos que 199.030 corresponden igualmente ao sector escénico– entre os proxectos beneficiarios do resto de modalidades inseridas na convocatoria: programa Crédito-Cultura, produción e promoción de traballos discográficos, distribución, salas privadas de teatro e artes escénicas e mellora técnica de estudios de gravación e de salas de música ao vivo. A estas contías sumaranse, ademais, os importes que se concederán proximamente dentro do apartado de continuidade da actividade escénica, pendente de resolución; e das modalidades crédito-cultura e distribución, para as que continúa aberto o prazo de presentación de solicitudes.
 
Xéneros
Por xéneros escénicos, das 21 novas producións subvencionadas, 13 corresponden a espectáculos de teatro de actor para público adulto e infantil (Hamlet de A Internacional Teatro, Morgue de Xerpo Cultural, Moito conto de Redrum Producións, Soños de Cía. Bichakadela, A folla máis alta de Berrobambán, Enredados de Elefante Elegante, Valados de Artestudio, Piratas de Teatro do Noroeste en coprodución con Chiripa Producciones, E.R. (algún día traballaremos xuntas) de Teatro do Atlántico, Merlín de Os Quinquilláns, A gaivota de Encena Producións, Tokio 3 da plataforma Voadora e Miniaturas de Teatro Ensalle), cinco son montaxes de monicreques (Fábula galénica de Fantoches Baj, Cama e conto de Teatro Babaluva, Cu-cú, tas-tás de Títeres Cachirulo, O Arxina e o Felo de Viravolta e Cinderella Mix de Artello Teatro Alla Scala 1:5) e tres de danza (Alendacroa da Cía. Quique Peón, Vigilia de Neodans e Usted está aquí de Nuria Sotelo).
 
Da contía total outorgada a estas propostas, que ocuparán as carteleiras galegas na próxima temporada escénica, un total de 162.279 euros diríxense a cinco proxectos presentados na submodalidade de mediano formato, 117.953 a outros cinco de pequeno formato, 94.945 a cinco espectáculos de novas tendencias, contemporáneos ou de autor e 49.733 a seis montaxes de compañías de recente creación. Os importes adxudicados serán distribuídos en dúas anualidades (2011 e 2012).
 
Proxección exterior
En canto ao apartado de distribución, e á espera de que a finais de outubro remate o prazo de presentación de solicitudes en dúas das tres categorías aquí inseridas, a Agadic destina un total de 116.848 euros a apoiar unha maior presenza da nosa escena fóra de Galicia. A través deste apartado, favorécense un total de 55 iniciativas de exhibición de espectáculos galegos de teatro, danza e novo circo en diferentes escenarios españois (Andalucía, Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Euskadi e Madrid) e internacionais (Arxentina, Brasil, Hungría e Portugal), ademais das funcións exteriores de oito compañías galegas contratadas durante a celebración da pasada edición da Feira Galega das Artes Escénicas.
 
O sector escénico é tamén o principal beneficiario noutras dúas categorías destas subvencións ás industrias culturais 2011. Así, no marco programa Crédito-Cultura –a través do que a Agadic promove o acceso das empresas culturais ao financiamento bancario– distribuíronse ata o momento 8.725 euros entre seis produtoras teatrais. Ademais, outros 73.457 euros diríxense a catro propostas presentadas dentro da modalidade de subvencións a salas privadas de artes escénicas.

LIGAZÓN:
-Relación provisional de beneficiarios e importes concedidos