O audiovisual galego recibirá 2,9 millóns de euros da Agadic para a produción de 25 longametraxes, documentais e series

  Un total de 24 produtoras independentes son beneficiarias destas subvencións, segundo a relación provisional publicada hoxe na web da Axencia.

  A entidade da Consellería de Cultura apoia a realización de 10 novas longas cinematográficas, unha para televisión, 12 documentais e dúas series televisivas.

O audiovisual galego recibirá 2,9 millóns de euros da Agadic para a produción de 25 longametraxes, documentais e series
[31/08/2011]
A Agadic apoia cun total de 2,9 millóns de euros a realización de 25 novas longametraxes cinematográficas e televisivas, documentais e series en lingua galega a cargo de 24 produtoras independentes, de acordo coa relación provisional de beneficiarios das subvencións para producións e coproducións audiovisuais.

A entidade da Consellería de Cultura e Turismo completa así a adxudicación do total de 3.574.097 euros destinado ao sector audiovisual galego a través das cinco liñas de axudas convocadas este ano e das que resultaron beneficiarias 80 propostas, entre as que tamén figuran guións, curtametraxes, longas en formato dixital, obras interactivas e desenvolvemento de novos proxectos.
 
Da contía dirixida á produción de longametraxes cinematográficas, 1.672.690 euros distribúense entre un total de oito novas fitas de imaxe real: “Milhistorias” de Continental Producciones, “Traíñas” de Artemática Producciones, “Arima” de Maruxiña Film Company, “Todo é silencio” de Milou Films, “Matavenero” de Tic Tac Producciones, “Non me deixes en paz” de Adivina Producciones, “Galaicus” de Zircozine e “Invasor” de Vaca Films. Ademais, apóiase con 272.653 euros a longa de animación “Meñique”, de Ficción Producciones, e con 158.759 euros o filme “As mimosas” de Zeitun Films, dentro da modalidade de ópera prima ou segunda longametraxe.
 
Formatos televisivos
Canto ás producións para televisión, a Agadic destina 82.767 euros á película “Maratón”, presentada por Formato Producciones; 183.530 euros á serie de animación “Rascayú”, que realizará Otiiplanet Group; e 181.034 euros a “Salgadura”, miniserie producida por Continental.
 
Por último, os 344.564 euros restantes adxudícanse a un total de 12 obras documentais, das que catro corresponden á categoría de creación (“Emprendedores” de Mara Producciones, “Contraluz” de Formateo, “O médico certo” de Producións Fenda e “Unha hora curta” de CTV) e oito á de difusión cultural (“Os asteleiros de Ferrol. Unha historia da construción naval” de Zenit Televisión, “Mateo” de Producións A Fonsagrada, “María Casares” de Filmanova, “Altas capacidades” de Xamalú Filmes, “A viaxe de Leslie” de Portocabo TV, “David Cal, navegando cara á lenda” de Pulsa Control Z, “Última estación: esperanza” de Nemedón e “José Gil, fotógrafo” de Productora Faro Lérez).
 
O importe total outorgado ás axudas para producións e coproducións audiovisuais distribuirase en catro anualidades ata 2014 (145.000 euros en 2011, 290.000 en 2012, 1.740.000 en 2013 e 725.000 en 2014).

-Listaxe de proxectos subvencionados e contías concedidas, no apartado de axudas desta web.