O SALÓN TEATRO, A SGAE/FUNDACIÓN AUTOR E O TEATRO PRINCIPAL DE SANTIAGO ACOLLERÁN O NOVO EVENTO QUE SUBSTITÚE ESTE ANO Á FEIRA DO SECTOR

A Agadic celebrará a Mostra de Artes Escénicas de Galicia do 17 ao 20 de outubro con vintecinco espectáculos en tres escenarios

  As compañías interesadas teñen ata o 3 de outubro para presentar as súas solicitudes de participación.

  Unha comisión de selección escollerá as montaxes que configurarán a carteleira de 11 representacións completas e 14 showcases.

A Agadic celebrará a Mostra de Artes Escénicas de Galicia do 17 ao 20 de outubro con vintecinco espectáculos en tres escenarios
[27/09/2011]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) celebrará a Mostra de Artes Escénicas de Galicia do 17 ao 20 de outubro en Santiago de Compostela coa participación de ata 25 espectáculos de distintos xéneros baixo dúas modalidades de exhibición en tres escenarios da cidade.

O evento, que substitúe este ano á Feira Galega das Artes Escénicas, dará a coñecer aos axentes culturais galegos as novas producións de teatro, danza, maxia e novo circo para a vindeira temporada, mediante a súa  representación durante os catro días no Salón Teatro, a SGAE/Fundación Autor e o Teatro Principal.
 
A entidade da Consellería de Cultura e Turismo fixo pública a convocatoria que recolle os datos para que todas as compañías interesadas en participar nesta iniciativa fagan chegar a súa documentación á Agadic ata o vindeiro luns 3 de outubro como data tope. A condición necesaria para optar á mostra é que a estrea dos espectáculos tivera o teña lugar entre outubro de 2010 e outubro de 2012.
 
O total de 25 montaxes previstas na carteleira poderá exhibirse baixo dúas modalidades: a de espectáculos completos, categoría na que poderán participar 11 producións; e a de  formato showcase, apartado reservado a 14 propostas. Esta última modalidade implica actuacións dun máximo de 20 minutos por cada espectáculo que -agrupadas por xéneros-  se sucederán consecutivamente cun intervalo de cinco minutos de descanso en dúas das catro xornadas da mostra (unha delas dedicada a teatro e maxia e outra a danza e novo circo).
 
Unha comisión integrada por persoas de recoñecido prestixio e experiencia no ámbito das artes escénicas será a encargada de seleccionar tanto os espectáculos completos como os showcases. A composición nominal desta comisión darase a coñecer unha vez realizada a selección.

-Convocatoria oficial.