O pintor Darío Basso inaugura hoxe en Valencia a exposición retrospectiva MATERIALEZA co patrocinio da Agadic

  O Centre del Carme exhibe ata xaneiro máis de 50 grandes lenzos a través dos que o artista de orixe galega aborda a interacción da natureza co proceso pictórico.

  A entidade da Consellería de Cultura colabora coa Generalitat Valenciana na organización da mostra, que en 2012 viaxará a Pontevedra e a Bos Aires.

O pintor Darío Basso inaugura hoxe en Valencia a exposición retrospectiva MATERIALEZA co patrocinio da Agadic
[28/09/2011]
O Centre del Carme de Valencia acolle a partir de hoxe a exposición Materialeza de Darío Basso, que reúne máis de 50 lenzos de gran formato nunha retrospectiva a través da que se aborda a interacción da natureza coa pintura na obra recente do artista de orixe galega.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e o Consorcio de Museos de la Comunitat Valenciana colaboran na organización desta mostra, que poderá verse na capital valenciana ata o 8 de xaneiro e viaxará despois a Pontevedra e Bos Aires.
 
Cun total de 54 lenzos e 13 cadernos de campo con acuarelas, realizados entre 1999 e 2011, Materialeza resume un amplo proceso de investigación e traballo sobre a natureza como tema e materia do proceso de creación pictórica, na que interveñen de forma decisiva os axentes naturais e os factores climáticos.
 
Esta ampla exposición toma a “viaxe” como fío condutor, nun percorrido cronolóxico por dez etapas na produción pictórica de Darío Basso, e como principio de cohesión entre as culturas. Dende os seus inicios artísticos nos anos oitenta, asumiu a representación visual e plástica como unha ponte entre Oriente e Occidente, construída durante as súas longas estadías en Italia, Francia, Estados Unidos, India, Nepal, a súa Venezuela natal ou Exipto, entre outros países.
 
Nesta traxectoria vital e artística, a natureza ten sido o elemento decisivo para a indagación en cada cultura, cunha visión ampla da estética que abarca dende a etnoloxía á ecoloxía. Así, as follas, a terra, os minerais e outros recursos naturais son tomados por Basso como materia pictórica, constituíndo a base para o desenvolvemento dunha abstracción que se combina con outras simboloxías que aluden á cúpula, á serra ou ao círculo.
 
Algoritmi Dixit no claustro gótico
O percorrido proposto en Materializa complétase coa instalación Algoritmi Dixit, 250 metros cadrados de pintura que visten os arcos do claustro gótico do Centro del Carme, introducindo ao visitante nun novo concepto de pintura expansiva e monumental que xa se ten presentado en varios países de Oriente Medio, ademais de na Fundación Luis Seoane da Coruña.
 
A través dun recente proxecto da SEACEX (Sociedad Estatal para la Acción Cultural Exterior), en colaboración co Instituto Cervantes, Algoritmi Dixit exhibiuse en patios, museos e caravasares de Siria, Xordania, Exipto ou Túnez, e contou co apoio da Xunta de Galicia na súa última exposición no Hall des Pas Perdus do Palais des Nations, sede da ONU en Xenebra.
 
Traxectoria
Fillo do recoñecido cardiólogo, pintor e escritor galego Darío Álvarez Gándara, Darío Basso (Caracas, 1966) trasládase a Vigo coa súa familia cando conta tres anos de idade. A súa traxectoria artística comeza a mediados dos oitenta en Madrid, onde tras un curto período na Facultade de Belas Artes, entra en contacto coa comunidade artística que se reúne arredor dos Talleres de Arte Actual do Círculo de Bellas Artes e comeza a concibir a arte como unha forma de vida.
 
Como bolseiro en diferentes residencias artísticas no estranxeiro, traballa durante amplos períodos en cidades como París, Roma ou Nova York, estadías durante as que se empapa da cultura clásica e participa da eclosión das tendencias máis vangardistas. Tras regresar a Madrid, Basso comeza a expoñer regularmente tanto en España como no estranxeiro e a súa pintura faise internacionalmente coñecida, integrando importantes coleccións artísticas a nivel nacional e internacional.
 
A natureza, as viaxes, o sincretismo entre culturas e a súa asunción da historia son referencias constantes na obra de Darío Basso, na que se reflicte así mesmo a súa condición nómade a través da mestura de elementos exóticos, froito das súas viaxes por África, India ou América do Sur, co reflexo occidental das súas estadías en Nova York, París, Umbría ou Roma e cos compoñentes orientais tirados das súas más recentes visitas a Oriente Medio.
 
Trala súa estadía en Valencia, a mostra Materialeza exhibirase no Museo de Pontevedra e viaxará tamén a Bos Aires grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID).

-Folleto da exposición.
-Web de Darío Basso.