Galicia Escena PRO re˙ne durante catro dÝas 61 programadores de teatro arredor da produciˇn de 95 compa˝ias galegas

  Seis espazos de Santiago de Compostela acollerán do 7 ao 10 de xuño 19 espectáculos, 12 presentacións e máis de 200 reunións concertadas

  A Xunta e a asociación Escena Galega organizan a oitava edición desta feira de artes escénicas cun formato adaptado aos protocolos sanitarios e dirixido exclusivamente a profesionais previamente acreditados

  Haberá un taller formativo sobre unha metodoloxía para a sostibilidade de proxectos escénicos

Galicia Escena PRO re˙ne durante catro dÝas 61 programadores de teatro arredor da produciˇn de 95 compa˝ias galegas
[03/06/2021]
Galicia Escena PRO, a feira profesional galega de artes escénicas, recibirá do 7 ao 10 de xuño en Santiago de Compostela un total de 61 responsables de programacións e festivais de teatro cun programa de espectáculos e actividades no que participarán 95 compañías de teatro, danza, novo circo e maxia. O evento, organizado pola Xunta de Galicia e a asociación Escena Galega, retoma deste xeito o seu papel como punto de encontro para a dinamización do sector despois de que a pandemia motivara a súa suspensión en 2020, cun formato que lle dá prioridade á maior interacción posible entre os axentes implicados e destinado exclusivamente ás persoas acreditadas.
 

Así, a oitava edición de Galicia Escena PRO configúrase arredor dunha carteleira de 18 montaxes galegas e unha madrileña, todas elas estreadas nas dúas últimas temporadas e que reflicten a variedade de rexistros e de formacións en activo na escena do país.  Representarán as súas propostas nos escenarios do Salón Teatro, do Teatro Principal e do Auditorio Abanca, ademais de nas localizacións exteriores que se habilitarán na praza da Quintana e en San Domingos de Bonaval.
 
Tres xornadas de pitching
Outra modalidade de presenza en Galicia Escena PRO é a de pitching, presentacións rápidas tanto de proxectos como de espectáculos xa en distribución, nas que participarán 12 compañías distribuídas en tres sesións que terán lugar no Centro Obra Social Abanca. Este mesmo espazo, situado na praza de Cervantes, acollerá a Zona PRO, onde se darán cita os representantes das 95 compañías acreditadas en xuntanzas bilaterais previamente concertadas cos programadores e mediadores culturais asistentes. A axenda de reunións, que se desenvolverá ao longo dos catro días de actividade, conta xa con 200 reunións concertadas.
 
A actividade de Galicia Escena PRO complétase cun taller formativo en liña impulsado pola Confederación de Ferias del Estado Español (COFAE), sobre unha metodoloxía para a sostibilidade de proxectos escénicos, e cunha presentación a cargo de MADfeira, o encontro co que se estableceu un acordo de intercambio que posibilitará que Nova Galega de Danza leve o seu espectáculo coreográfico Leira ao evento madrileño. A peza, da que se anunciou onte que é candidata a sete categorías nos Premios Max 2021, poderá verse na Sala Max Aub o 16 de xuño.   
 
Sen público xeral
Debido ao cumprimento estrito dos protocolos sanitarios sobre a distancia interpersoal e a redución das cabidas dos recintos, Galicia Escena PRO renuncia este ano a abrir as súas portas ao público xeral e limita a asistencia ás persoas acreditadas no evento, que farán uso de entradas persoais e intransferibles.
 
A carteleira dos espectáculos que se representarán en formato completo principiará o luns 7 ás 11,00 h. con Stracciatella Teatro e a montaxe ...e poñerán esposas ás flores. A continuación, terá lugar un pequeno acto de recepción e benvida na praza da Quintana, emprazamento no que actuarán Kirenia Danza, con E-migrantas, e Laboratorio Escénico, con Canela. Xa pola tarde, Bonaval acollerá Só., de Xampatito Pato, o Teatro Principal, Pura, de Os Náufragos Teatro, e o Auditorio Abanca, Estrela do Día, a cargo de Producións Teatrais Excéntricas.
 
Nos tres días seguintes sucederanse as postas en escena de Bailar agora, con Marta Alonso Tejada; Ikigai, a cargo de SU.MA; EM-NA, por Colectivo Glovo; O mozo da última fila, de Redrum Teatro; Microspectivas dun marica millennial, a cargo de Incendiaria; Porvenir, de ImproMadrid Teatro; Nina Ninette, de trasPediante; Drop, de Pistacatro; Libre coma os paxaros, por Teatro do Atlántico; Gaia Baba, de Moving Compass; As Fillas Bravas e o mito de Casandra, de Chévere; A lingua das bolboretas, de Sarabela Teatro; e Othello, por Voadora.
  
Nas sesións de pitching poderán explicar as súas propostas Magia en la Manga, Caramuxo Teatro, Fantoches Baj, eme2 producións, Óscar Cobos Compañía de Danza, DeuVe, Furia Sotelo, Miguel Ponce de León, A Panadaría, Matrioshka Teatro, Teatro Baixo da Area e Ibuprofeno Teatro.
 
Todos os espectáculos e  proxectos foron seleccionadas por unha comisión nomeada por Escena Galega, despois dunha convocatoria pública á que se presentaron 180 candidatos.

-Web de Galicia Escena PRO