A Xunta e Escena Galega inauguran 'Galicia Escena PRO 2021' coa benvida aos axentes culturais participantes no encontro

A Xunta e Escena Galega inauguran 'Galicia Escena PRO 2021' coa benvida aos axentes culturais participantes no encontro
[07/06/2021]
O director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, e mais o presidente da asociación de compañías Escena Galega, Juan Rodríguez, inauguraron hoxe en Santiago de Compostela Galicia Escena RRO, o encontro para favorecer a compra-venda de espectáculos producidos en Galicia, que se desenvolverá ata o xoves 10 con 19 funcións en catro escenarios da cidade, 12 presentacións profesionais e máis de 200 reunións de traballo concertadas.
 
Durante o acto, que se celebrou na praza da Quintana, un dos lugares ao aire libre que acollerá a posta en escena de distintas montaxes, Jacobo Sutil aproveitou a primeira xornada do evento para darlles persoalmente a benvida aos representantes das máis de 60 entidades e festivais asistentes e das 95 formacións escénicas acreditadas, a quen lles trasladou o obxectivo de que Galicia Escena PRO sexa o punto de inflexión que lle dea o pulo definitivo á volta á normalidade ou mesmo á potenciación de todas as programacións escénicas do país. “Estamos a ver como o público está a responder de xeito positivo o esforzo realizado, acudindo de novo aos teatros e amosando, como nunca, o seu interese por volver a gozar dos espectáculos ao vivo. Un interese ao que podemos e debemos darlle resposta”, expresou.

-Web de Galicia Escena PRO