O Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego forman parte da estrutura da Agadic como unidades de produción e distribución de espectáculos propios, pero tamén como espazos dinamizadores da creación, a formación e a investigación no ámbito do teatro e a danza en Galicia. Ademais, ambos centros públicos suman esforzos na procura dunha maior proxección exterior da cultura galega, así como da fidelización e diversificación de públicos.

Centro Dramático Galego (CDG)

Unidade de produción teatral adscrita á Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Dramático Galego comezou a súa traxectoria en 1984 co obxectivo de contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega.

Nestes máis de 30 anos de historia, as principais liñas de programación do Centro seguiron varias direccións: recuperación dos nosos autores fundamentais, presenza dos dramaturgos galegos contemporáneos, incorporación á escena galega de grandes nomes da literatura dramática universal de todos os tempos, promoción do teatro infantil e proxección exterior do noso teatro, entre outras.

O sistema habitual de funcionamento da compañía é o concurso dun/dunha director/a de escena convidado xunto co elenco interpretativo e o equipo artístico que se contratan segundo as necesidades de cada unhas das producións. Nelas tamén se involucra un equipo técnico da Agadic (talleres, son e iluminación, estrutura escénica, tremoias, vestiario, etc.).

O CDG encárgase, ademais, da xestión do Salón Teatro de Santiago, único espazo de exhibición escénica de titularidade exclusiva da Xunta de Galicia. Nel a compañía pública desenvolve un amplo período de representacións con cada un dos seus novos espectáculos, ademais de elaborar unha programación escénica e musical continuada.

www.centrodramatico.gal

Centro Coreográfico Galego (CCG)

Integrado na Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Coreográfico Galego é un espazo público de creación, produción, formación e investigación para o desenvolvemento da danza.

Entre os seus obxectivos están o apoio á creación artística, investigación e formación dos profesionais das artes do movemento. Persegue tamén a diversificación das súas iniciativas, tanto temática como xeograficamente, así como tender pontes entre proxectos e institucións afíns e contribuír ao encontro da danza con outras disciplinas artísticas.

Na súa relación coa sociedade galega, o CCG desenvolve accións de sensibilización da cidadanía cara á danza, co obxectivo de posicionala nun lugar preferente da vida cultural galega. As catro estacións (2016), con creacións de Iker Gómez e Keneth Tindall, é a súa sétima proposta, despois de Full House (2014), de Johan Inger e Amaury Lebrun, dos espectáculos de ballet clásico A bela adormecida (2014) e Quebranoces (2012) e das producións Aínda (2012), con pezas de Nacho Duato, Mercedes Suárez e Amaury Lebrun; 3Dtres (2011), con coreografías de Tony Fabre, Angel Rodríguez e Amaury Lebrun; Etheria, a viaxe soada (2010), de Mercedes Suárez; Giselia (2009), de Cisco Aznar; Kiosco das almas perdidas (2008), de Roberto Oliván; e Vacuo (2007), de Maruxa Salas.

www.centrocoreografico.gal